Ferrol volveu ser o epicentro da celebración do Día da Clase Obreira Galega, data que cada 10 de marzo conmemora a protesta que os traballadores de Bazán levaron a cabo na cidade naval neste mesmo día de 1972 en reivindicación do seu convenio laboral e que foi violentamente reprimida pola ditadura franquista, provocando a morte de Amador Rey e Daniel Niebla, 40 feridos de bala e máis dun cento de encarcerados.
A xornada reivindicativa deste venres comezou cunha manifestación convocada polos sindicatos CCOO, UGT, MAS e USCG que saíu das portas de Navantia e na que participaron varios centos de persoas que remataron a marcha no monumento do 10 de marzo.
"É necesario recoñecer a Amador e Daniel e o compromiso de todas aquelas persoas que sufriron a represión por loitar pola democracia", dixo o alcalde de Ferrol
Alí levouse a cabo a tradicional ofrenda floral na honra de Amador e Daniel, onde o alcalde ferrolán, Ángel Mato, lembrou e pediu un aplauso para Rafael Pillado, histórico sindicalista que faleceu hai tan só uns días por un cancro provocado pola súa exposición ao amianto durante os anos traballados nos estaleiros e que, como lembrou o rexedor, acompañouno hai un ano para depositar unha rosa no monumento aos asasinados en 1972.
Ademais, Mato sinalou que a cidade recoñece a "represión sindical" no 51º aniversario da morte dos dous traballadores e rende homenaxe "a aqueles que caeron asasinados en defensa da liberdade".
"É necesario recoñecer a Amador e Daniel e recoñecer o compromiso de todas aquelas persoas que sufriron a represión por ter loitado pola chegada da democracia da que agora gozamos", dixo, ademais de reivindicar o "orgullo" de Ferrol como "cidade pioneira na loita contra a ditadura" e como "epicentro da celebración do Día da Clase Obreira Galega".
"É unha data de reivindicación, recordo e recoñecemento da loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras", lembrou Comisións sobre esta xornada que lembra o acontecido hai agora 51 anos. aquela, Ferrol estivo paralizada durante máis dunha semana e houbo manifestacións contra o réxime franquista en varias cidades galegas, sobre todo en Vigo, onde pararon os estaleiros e outras grandes empresas, especialmente Vulcano, no que foi un anticipo da gran folga xeral do mes de setembro. Porque aquel 10 de marzo fixo abalar a ditadura.
Na xornada deste venres, e pouco despois do acto inicial, foi a CIG quen levou a cabo a súa ofrenda floral, na que o secretario xeral do sindicato nacionalista, Paulo Carril, lembrou que o rexeitamento da reforma das pensións era o lema principal das dez mobilizacións que a central levou a cabo este venres para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega nas sete cidades, ademais da Estrada, Viveiro e Vilagarcía de Arousa: "As pensións non se tocan".
Así, Carril destacou que a xornada coincidiu co anuncio por parte do Executivo central da nova reforma das pensións e dixo que, "malia todo o que se trate de maquillar, e pendente de coñecer os detalles do acordo", a CIG cre estar "ante unha nova reforma que amplía os recortes que viven as pensións nos últimos anos".