Galicia destrúe case 4.300 empregos en novembro malia a baixada do paro

Dous obreiros traballando en Trazo CC-BY-SA Xunta

O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 2.180 persoas en novembro en Galicia en relación ao mes anterior (-1,63%), deixando a cifra de persoas desempregadas en 131.168, segundo os datos publicados este luns polo Ministerio de Traballo e Economía Social. No entanto, e en contratos con eses bos datos, a Seguridade Social perdeu 4.287 afiliacións en Galicia no mesmo mes, un descenso do 0,4% que supón case sete veces máis que a media estatal. 

O número total de persoas desempregadas é a cifra máis baixa nun mes de novembro desde que hai rexistros. Desde o inicio da serie histórica comparable, en 1996, o paro subiu en novembro a maioría de veces en Galicia (24 en total) mentres que só baixou en tres ocasións. Ademais, e respecto ao mesmo período de hai un ano, o descenso no paro é de 11.590 persoas, un 8,12% menos. 

O paro baixou en Galicia en 2.180 persoas en novembro, mes no que tamén se destruíron 4.287 empregos

Pero ao tempo que diminuía o número de persoas apuntadas nas oficinas de colocación, Galicia destruía en novembro case 4.300 empregos, ao perder a Seguridade Social unha media de 4.287 cotizantes en relación co mes anterior. Con todo, son 15.958 afiliacións máis que no penúltimo mes do ano anterior, ata situar o total en 1.063.566.

A tendencia, como destacan os sindicatos, é negativa en canto ás afiliacións, cun par de meses á contra da experimentada no Estado. CCOO, por exemplo, advirte de que o descenso en cotizantes indica un "abandono do mercado de traballo galego por falta de expectativas laborais"

Mesmo tendo en conta os datos do último día do mes e non a media de afiliacións, Galicia sae peor parada que o conxunto do Estado, ao reducirse o número de cotizantes en 102 persoas, ata situarse en 1.061.546, rexistrando unha lixeira caída, mentres que no Estado sobe un 0,5 %.

Por outra banda, o paro descendeu en todas as provincias pero, por sectores, a baixada correspóndese fundamentalmente co sector servizos (-1.621), seguido do descenso na industria (-303) e no colectivo sen emprego anterior (-386). O desemprego, pola contra, incrementouse en 75 persoas na agricultura e en 55 na construción.

O 32% dos contratos asinados en Galicia son indefinidos

En canto aos contratos, do número total rexistrado en novembro en Galicia, 57.224, un total de 39.053 foron contratos temporais e o resto, 18.171, indefinidos. No acumulado, con 675.662 contratos, a repartición é de 222.128 indefinidos, o 32,88%, e 453.534 temporais, isto é, o 67,12% restante.

Tendo en conta os datos mensuais, a contratación indefinida cae un 16,6 %, mentres que a temporal faino un 8,6 %. Deste xeito, 32 de cada 100 contratos asinados en Galicia son indefinidos, cando antes da reforma laboral a proporción era de 10 de cada 100.

Desde a Xunta, prefiren ver a botella medio chea e destacan a "boa evolución do mercado laboral" en base ás boas cifras do paro. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destaca que os datos en Galicia "superan os do Estado na baixada" do desemprego e "confirman a tendencia favorable dos últimos tres anos". 

Respecto ás afiliacións, Rivo destaca o descenso en termos interanuais pero nada di da baixada de cotizantes á Seguridade Social no mes de novembro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.