A empresa, centro especial de emprego para persoas con discapacidade, despediu cando menos cinco traballadores con "inusual urxencia" logo de informes "contraditorios" sobre a súa aptitude, segundo reflicten varias condenas do TSXG
Nos últimos meses o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén ratificando sentenzas coas que cando menos cinco xulgados do Social distintos de toda Galicia condenaron a Ilunion, empresa do grupo ONCE, por discriminar traballadores con discapacidade que prestaban servizos para Adif en estacións de tren. Ilunion, centro especial de emprego para persoas con discapacidade, despediu os seus empregados con "inusual urxencia" logo de informes "contraditorios" sobre a súa aptitude malia que previamente desenvolveran o seu traballo correctamente, o que fai concluír ao TSXG que "os exames médicos non eran máis que unha mera cobertura dando halo de obxectividade".
O propio TSXG fai repaso nunha das súas sentenzas sobre os cinco casos similares que analizara ata o momento, nos que xa emitiran condenas previas os xulgados do Social 3 de Pontevedra, 1 e 6 de Vigo, 1 de Lugo e 4 de Ourense. En todos os casos os traballadores foran contratados por Ilunion CEE Outorsorcing SA para prestar distintos servizos de atención ao público de Adif en estacións de tren de distintas cidades galegas.
Nuns casos houbera revisións médicas previas, apenas uns días antes, que os consideraran aptos para os postos, e noutros casos o informe de "non apto" foi emitido despois de que se lles comunicara a non renovación
Os contratos, temporais a tempo parcial para persoas con discapacidade, eran dun ano prorrogable ata tres anos e os traballadores foran prorrogados xa un ano. Pero cando estaba a piques de rematar ese segundo ano de contrato foron sometidos a avaliacións médicas que concluíron declarándoos non aptos para o posto laboral e a empresa non os renovou para o terceiro ano. Nuns casos houbera revisións médicas previas, apenas uns días antes, que os consideraran aptos para os postos, e noutros casos o informe de "non apto" foi emitido despois de que se lles comunicara a non renovación.
O TSXG salienta que o feito de que as persoas foran contratadas previamente precisamente por ter discapacidades e por parte dun centro especial de emprego para persoas con discapacidade non anula a posibilidade de que despois fosen discriminadas por discapacidade. Isto é, a discapacidade previa non foi motivo de discriminación, pero si a suposta agravación da súa discapacidade, aínda que esta non fose tal.
Nestes casos o tribunal salienta a "inusual urxencia na comunicación de extinción do contrato de traballo dun día para outro" e a súa "convicción de que os exames médicos non eran máis que unha mera cobertura dado halo de obxectividade sobre a decisión de non renovación".
Como fondo do asunto, as sentenzas do TSXG revelan un posible incumprimento por parte de Ilunion do prego de condicións do contrato que asinara con Adif e que esixía unhas condicións mínimas ao persoal contratado. O incumprimento con Adif levaría a Ilunion a rematar os contratos con esas cinco persoas, pero os tribunais salientan que previamente cumpriran "sen problemas as labores durante case dous anos" e, cando foron reavaliados como non aptos, a empresa nin sequera intentou ningún tipo de adaptación dos postos de traballo, como era a súa obriga.
Nos cinco casos o TSXG concluíu que os despidos son nulos "por discriminación por discapacidade" e estableceu indemnizacións de entre 7.500 e 10.000 euros.