O número de expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) presentados en Galicia medra aceleradamente nestes días e, segundo os datos da Xunta, hai ata este venres un total de 4.239. A cifra multiplica por case sete a última que ofreceu o Goberno galego, o pasado mércores, o mesmo día no que se publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE) o real decreto-lei que contén as medidas do paquete económico do Estado para facer fronte á crise do coronavirus.
A empresa Bosch en Vigo aplicará un ERTE para máis de 1.300 persoas, de forma que continuarán traballando 240
Hai dúas xornadas a Xunta tiña contabilizados 5.187 traballadores afectados por estas medidas, pero na actualidade non dispón do dato de cantas persoas están incluidas nos ERTE. Entre as empresas que recorreron a esta vía está Bosch, en Vigo, que suspenderá durante seis meses os contratos de 1.309 dos seus 1.549 traballadores fixos no sector do telemárketing. Xa prescindiu do persoal co que contaba a través de empresas de traballo temporal (ETT).
Multitude de negocios de hostalaría e pequenos comercios están adoptando decisións similares para afrontar as consecuencias dos peches aos que obrigan as medidas para tratar de conter os espallamento do coronavirus. Tamén é o caso de empresas vinculadas ao sector turístico, como é a compañía aérea Ryanair e as empresas que traballan para ela nos servizos en terra. No caso do aeroporto de Santiago, o persoal está á espera tamén dun ERTE
Outras grandes empresas analizan os pasos a dar. A fábrica de PSA en Vigo, que deixou de producir o pasado martes e pechou o mércores comezará a próxima semana as negociacións cos sindicatos para decidir que medida se aplica, segundo informan fontes sindicais.