Nova condena a Ryanair en Santiago, agora por obstaculizar eleccións sindicais

Avións de Ryanair © Ryanair

A compañía é multada con 30.000 euros por unha infracción moi grave durante uns comicios celebrados en agosto de 2022 en Lavacolla

O poder xudicial vén de facer pública unha sentenza dun xulgado do Social de Santiago do pasado decembro que condena a Ryanair a pagar unha sanción de 30.000 euros da inspección de traballo por obstaculizar eleccións sindicais convocadas no aeroporto de Lavacolla en 2022. A sentenza coincide en que o sucedido foi unha infracción "moi grave" e que afectou a 87 traballadores do centro de traballo de Santiago.

O conselleiro delegado de Ryanair, Michael O'Leary © Ryanair

A sentenza relata como en xullo de 2022 o sindicato USO rexistrou un preaviso para celebrar eleccións sindicais na base de Ryanair en Santiago sinalando o 11 de agosto como data de constitución da mesa electoral. Pero un día antes, o 10 de agosto, "a empresa enviou un correo electrónico ás seccións sindicais de CCOO, Sepla, Sitcpla e USO" indicándolles que non era posible a data elixida e reprogramándoa para o 19 de agosto. Ao día seguinte "a empresa denega ao grupo de traballadores e representantes sindicais o acceso á sala de tripulación para a constitución da mesa electoral", o que obrigou a constituír a mesa "no exterior da sala de tripulación, ao lado da porta de acceso".

A sentenza reflicte que a actuación de Ryanair afectou a 87 traballadores da base de Santiago

A sentenza considera que a sanción "atopa o seu fundamento no feito de que a empresa fixa de maneira unilateral unha data de constitución da mesa electoral distinta da fixada polos promotores, que son os lexitimados para facelo, e non facilita un local e demais medios precisos". Tamén considera acreditado que a empresa "incumpriu a obriga de dar traslado aos traballadores que debían de constituír a mesa electoral no prazo de 7 días desde a comunicación efectuada polo promotor, remitir aos traballadores o censo electoral no mesmo prazo de 7 días con indicación dos traballadores que reunían os requisitos de idade e antigüidade para ostentar a condición de electores e elixibles".

Sentenza contra Ryanair por osbtaculizar unhas eleccións sindicais en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Ryanair recorreu a sanción que lle impuxo a inspección laboral, pero no proceso xudicial a sentenza reflicte que a empresa "non nega os feitos consignados na acta de infracción" senón que alegou que "nunca tivo unha actitude obstrucionista senón todo o contrario, colaboradora". Pero esa non é a conclusión do xulgado, que considera que "a empresa coa súa conduta transgrediu os deberes de colaboración impostos polas normas reguladoras dos procesos electorais a representantes dos traballadores". 

Hais uns meses a empresa xa foi condenada a indemnizar con 187.000 euros aos sindicatos USO e Sitcpla por "esquirolaxe" nunha folga en Santiago

Hai uns meses os sindicatos USO e Sitcpla tamén viron recoñecida polo Tribunal Supremo unha indemnización de 187.000 euros pola "esquirolaxe" cometida por Ryanair en Santiago durante a folga que mantivo o seu persoal naqueles mesmos días do verán de 2022. E antes outras sentenzas xa condenaran a compañía por vulnerar o dereito de folga desprazando persoal a Santiago desde outras bases e mesmo por despedir a unha traballadora acusada de incumprir uns servizos mínimos que non eran tal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.