O Índice de Prezos de Consumo (IPC) descendeu un 0,2% en Galicia no pasado novembro en relación co mes anterior —fronte ao -0,3 da media estatal—, mentres que a taxa interanual rexistrou un descenso de tres décimsa, quedando a inflación galega no 3,3% e aínda por riba da do conxunto do Estado, do 3,2%.
Así o indican os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE), que mostran como os alimentos e as bebidas non alcohólicas seguen a marcar a maior inflación anual no país, cun 9,6%, un dato só superado por Illes Balears, Castilla-La Mancha e as Canarias de entre o resto de comunidades autónomas.
A inflación anual dos alimentos e bebidas en Galicia é do 9,6%, só superada en Balears, Castilla-La Mancha e as Canarias
A suba de prezos na alimentación en Galicia no último ano, que se moderou un chisco e queda no 9,5%, segue a ser a principal causante da inflación, aínda que este incremento afecte en maior ou menor medida aos principais produtos de consumo agás a vivenda, que anota un descenso de arredor dun 7% nun ano e que no que vai de 2023.
A inflación interanual é do 5,7% nas bebidas alcohólicas e no tabaco, do 6,4% en hoteis, cafés e restaurantes ou do 2,4% en lecer e cultura, mentres que a do vestido e calzado queda no 1% e nas comunicacións no 3,3%.
Destaca, ademais, o novo descenso no prezo de carburantes e combustibles, de 4,2% mensual e do 6,7% respecto a hai un ano, aínda que no que vai de 2023 aínda suman un incremento de case o 4%
Con todo, é a alimentación a que segue marcando os datos negativos, cun incremento no último mes dos prezos en todos os principais produtos agás no café e na froita fresca, con lixeiros descensos. En termos interanuais, todos os principais grupos de alimentos son máis caros que hai un ano a excepción da carne de ave, que experimentou unha baixada de case un punto porcentual.
O aumento dos prezos con respecto a hai un ano segue a ser moi importante na carne, nas legumes, nos ovos ou na froita, con incrementos por riba do 7%, aínda que o do aceite segue por riba do 44%
A inflación con respecto a hai un ano na alimentación segue a estar dominada, sobre todo, polo prezo do aceite, cunha taxa interanual do 44,7%. Con todo, no pasado mes de novembro xa non foi o alimento que máis incrementou o seu importe (2,7%), senón que se veu adiantado polos importantes ascensos da carne de ovino (6,2%), das legumes e hortalizas frescas (5,1%) ou do peixe fresco e conxelado (3,6%)
Así, con respecto a hai un ano, a inflación continúa a ser especialmente alta nas carnes de vacún, ovino e de porco —en todos os casos do 9% ou máis—, pero especialmente tamén nas legumes, cun 16,7%, nos ovos (8,5%), nas froitas frescas (8,1%) ou nas patacas, o café e o azucre, en todos estes casos por riba do 7%.
En canto á inflación subxacente, aquela que non ten en conta os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos e que adoita considerarse un bo reflexo da situación xeral dos prezos a máis longo prazo, incrementouse dúas décimas en Galicia no mes de novembro con respecto a outubro e quedou no 4,8% na variación anual, tres décimas superior á do conxunto do Estado.
O Ministerio de Asuntos Económicos subliñou nun comunicado que, "grazas ás medidas de política adoptadas polo Goberno, a inflación xeral mantén a súa senda descendente ao longo do ano, permitindo que os salarios sigan gañando poder adquisitivo e as empresas españolas unha maior competitividade, aumentando a súa cota de mercado, mesmo no complexo contexto internacional".