O diñeiro depositado na Caixa Rural Galega medra catro puntos por riba da media dos bancos

Un intre da asemblea xeral de Caixa Rural Galega que abordou os resultados de 2018 © Caixa Rural Galega

A Caixa Rural Galega comportouse como unha rara avis nos anos da burbulla inmobiliaria e tamén nos da crise. Cando estourou a recesión a cooperativa de crédito con sede en Lugo tiña unha exposición ao ladrillo moito menor que as entidades da súa contorna, duplicaba en solvencia á entidade resultante da fusión das desaparecidas grandes caixas galegas e, ao contrario que a maior parte da competencia, afrontou o saneamento imposto polo Goberno central apoiándose unicamente nos depósitos da clientela cos que xa contaba.

"Nunca nos metemos en leas das que non puidésemos saír", resumía en entrevista con Praza.gal o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez, cando a cooperativa estaba ás portas dos seus primeiros cincuenta anos de vida. Daquela lembraba que tanto o diñeiro depositado como os créditos concedidos foran medrando aos poucos "durante o boom e nos peores anos da recesión". Agora, tras un lustro coas principais cifras macroeconómicas regresando a valores positivos, a entidade lucense vén de bater récord de beneficios mentres o diñeiro dos seus depósitos medra catro puntos por riba da media do conxunto da banca en Galicia.

A cooperativa lucense bateu o seu récord de beneficios en 2018 mentres os créditos concedidos medraron oito puntos máis que os do conxunto dos bancos que operan en Galicia

A asemblea anual de Caixa Rural Galega vén de dar o seu visto e prace ás contas anuais de 2018. A dirección destaca o seu beneficio neto de 5,4 millóns, "cifra nunca antes acadada", e algo máis de 1.000 millóns en activos, limiar que nunca traspasara ata agora. Estes "fitos", subliñan, chegan nun contexto no que os depósitos da clientela se achegan tamén aos mil millóns, o que supón un crecemento do 9,45%. Mentres, os datos máis recentes do Banco de España indican que o medre global do diñeiro depositado en todos os bancos en Galicia pasou de 61.076  a 64.272 millóns, isto é, un crecemento do 5,23%.

Medran os depósitos e tamén os créditos. Sempre segundo as contas anuais de Caixa Rural, "o investimento crediticio supera os cincocentos millóns de euros", un 11% máis que no ano previo. Mentres, os valores globais das entidades bancarias que operan en Galicia experimentaron no mesmo ano 2018 un avance de apenas un 3%, oito puntos menos que o experimentado por esta cooperativa de crédito. Todo isto, subliñan, produciuse mentres a morosidade na Caixa Rural segue "á baixa", ata o 6,24% e a ratio de solvencia acada o 13,27%,  "o que permite cumprir con folgura os criterios normativos.

A dirección da Caixa Rural subliña que, nun contexto de peches masivos de oficinas, a entidade galega abriu unha nova en Pontevedra

A xuízo do presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, estas cifras reflicten un "exercicio exitoso, o mellor da historia da caixa" malia "ás incertezas económicas, a inseguridade xurídica ou a persistencia de tipos de xuro extremadamente baixos". Deste xeito, coida que a conxuntura segue sen ser "favorable", polo que "a realidade obriga a continuar redobrando esforzos e a seguir mellorando a eficiencia".

Esa "eficiencia" non pasa, así e todo, por secundar os peches de oficinas que están a estender outras entidades ou a gran banca, advirten. Así, aseguran, "a entidade espera continuar a súa senda de crecemento, apostando pola súa rede de oficinas e a atención persoal, sen pechar ata agora ningunha das súas oficinas". Ben ao contrario, destacan, en 2018 abriron unha nova en Pontevedra, onde non contaban con ningunha, o cal "se pode considerar ir a contracorrente". Non en van, subliñan, "o sector está inmerso nun proceso de redución de capacidade, de xeito que foron pechadas máis de 1.300 oficinas" en todo o Estado durante o pasado 2018.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.