Os bancos diminúen os créditos en Galicia ata niveis previos á crise e manexan 20.000 millóns máis en depósitos

Un billete de 50 euros nunha presentación do Banco Central Europeo CC-BY-NC-ND Banco Central Europeo

A crise financeira global iniciada hai unha década e que tivo como simbólico punto de partida a caída do xigante estadounidense Lehman Brothers tivo en Galicia múltiples impactos sociais, empresariais e económicos. Un deles foi o práctico esmorecemento do sistema financeiro do país entre a crise e a mala xestión, coa Caixa Rural Galega como única sobrevivente en sentido estrito.

Un dos múltiples impactos da crise en Galicia foi o práctico esmorecemento do sistema financeiro, coa Caixa Rural Galega como única sobrevivente

A forzada e quebrada fusión de Caixa Galicia con Caixanova, a colateral venda do Banco Gallego ao Sabadell e a compra do Banco Pastor por parte do Popular, ambos agora parte do conglomerado Santander, foron fitos no sector durante unha década na que desinchou a burbulla do crédito inchada tamén en Galicia -aínda que menos que noutros puntos do Estado- nos anos do descontrol e do diñeiro barato. Dez anos despois os bancos xa diminuíron no país os seus créditos ata niveis previos á crise mentres manexan uns 20.000 millóns máis en depósitos ata achegarse aos 63.400 millóns de euros.

Os datos máis recentes indican que as entidades bancarias teñen prestados en Galicia algo menos de 41.300 millóns menos manexan case 64.000 en depósitos

Os datos máis recentes do Banco de España, do terceiro trimestre do pasado 2018, indican que daquela as entidades bancarias tiñan prestados en Galicia algo menos de 41.300 millóns de euros -case 38.700- de persoas físicas, empresas e organizacións privadas e os restantes, de institucións públicas-. Son practicamente 30.000 millóns de euros menos que a comezos de 2010, cando o diñeiro prestado pola banca en Galicia tocou teito, xa en plena crise.

O volume do crédito da banca en Galicia é agora semellante ao de mediados do ano 2005, hai case década e media. Pero a principal diferenza coas cifras daqueles anos é que naquela altura o diñeiro depositado nas entidades bancarias dende Galicia eran algo menos de 34.000 millóns de euros. Así e todo, xa había máis dun ano que se invertera a que era a tendencia habitual da economía galega, con máis diñeiro investido que prestado.

Pouco antes da caída de Lehman Brothers e do picazo da burbulla os bancos prestaban en Galicia 20.000 millóns máis dos que tiñan depositados

Dende comezos de 2013 o escenario regresou ao que era habitual, con máis diñeiro depositado nos bancos que fondos prestados por eles, pero cunha diferenza moi notable: a fenda entre depósitos e créditos non deixou de medrar ata ser a maior da historia dende que hai rexistros. Os datos máis recentes indican que o diñeiro depositado por familias, empresas e institucións galegas nos bancos supera en máis de 22.000 millóns de euros os cartos que estas entidades teñen prestados en territorio galego.

Esta fenda case cuadriplica a maior diferenza que se rexistrara antes da crise -uns 6.000 millóns de euros, a mediados dos anos 90 do século pasado- e xa é superior á que se producira en sentido contrario en plena burbulla crediticia. Foi na primavera de 2008, apenas dous meses antes da caída de Lehman Brothers, cando a banca chegou a ter en Galicia 20.000 millóns de euros máis prestados que depositados.

Nos últimos anos seguen a aumentar os cartos das contas correntes, pero disminúe o diñeiro depositado a prazo, polo que os bancos ofrecen cada vez menos rendibilidade

Os últimos datos do Banco de España reflicten, así e todo, outro matiz máis. Os depósitos bancarios seguían aumentando no terceiro trimestre do ano que vén de rematar, pero non todos. Fano levemente os cartos das contas correntes -as contas "á vista"-, pero retroceden case un 3% intertrimestral os depósitos a prazo, na liña dos últimos anos. Estas retiradas de diñeiro aforrado, como informaba recentemente Faro de Vigo, teñen entre as súas causas a cada vez máis escasa rendibilidade que, a través dos xuros, ofrecen os bancos por ter cartos depositados durante un determinado período de tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.