O paro cae en Galicia tras dous meses de suba, pero por baixo da media estatal

Oficina de emprego nunha localidade galega CC-BY-SA Xunta

O paro rexistrado baixou en 1.298 persoas en novembro, un descenso do 0,48% inferior ao do 2,28% no conxunto do Estado

Con menos paro rexistrado e máis persoas afiliadas á Seguridade Social que no outono previo á COVID, Galicia non só recupera senón que supera os niveis de emprego prepandémicos, nunha recuperación que coincide coa que se dá a nivel do Estado pero que segue a ser máis feble e por baixo da media do conxunto de España

Se en setembro e outubro Galicia rachou coa tendencia positiva do Estado, coa suba do paro rexistrado fronte á baixada global, desta vez o número de persoas apuntadas nas oficinas de emprego baixa en 1.298 en novembro, ata as 152.747, un descenso do 0,84% inferior ao do 2,28% que se dá no conxunto do Estado, que suma unha marca de nove meses consecutivos de descensos, acumulando nese período unha redución de 826.102. 

O paro rexistrado baixa en Galicia en todos os sectores agás no primario, onde sobe un chisco, e faino sobre todo no sector servizos, con 912 persoas menos apuntadas ao servizo de emprego. 

En total, hai 34.725 persoas paradas menos que un ano antes (-18,52%, lixeiramente por riba do -17,36% estatal).

Por outra banda, a creación de emprego trouxo tamén bos datos no pasado mes de novembro, cun aumento da afiliación media en 2.847 persoas con respecto ao mes anterior, ata as 1.035.498, un incremento do 0,28% desta vez si semellante ao que se deu no Estado. 

Con respecto a hai un ano, o número medio de persoas afiliadas aumentou en 25.614 e 1,3 puntos menos que no conxunto de España (2,54% fronte ao 3,84%). 

Con datos do último día do mes, o número de afiliacións á Seguridade social era de 1.033.144 o 30 de novembro, unhas mil menos que na última xornada do pasado mes de outubro.  

A creación de case 3.000 postos de traballo veu acompañada da sinatura de 88.297 contratos en novembro, 912 menos que en outubro e case 27.000 máis que no mesmo mes do pasado ano. 

Con todo, a eventualidade e a precariedade segue marcando o mercado laboral en Galicia, xa que máis do 86,5% dos contratos asinados en novembro foron temporais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.