O paro rexistrado cae ao mínimo da década en Galicia entre síntomas de atrancos económicos

Exterior dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA Praza Pública

As inscricións nas oficinas de emprego galegas á procura dun posto de traballo, o paro rexistrado, seguen a descender. No pasado mes de xullo déronse de baixa neste rexistro 4.328 persoas, unhas 2.800 delas anotadas no sector servizos, e no mesmo período incorporáronse á cotización na Seguridade social 12.290 persoas de media mensual, o que implica a creación de case 8.000 empregos netos nun mes no que foron asinados 121.098 contratos, unha media de 15 por emprego creado.

As inscricións nas oficinas de emprego caeron por riba do 7% en Galicia e a creación neta de emprego rolda as 8.000 persoas, cunha media de 15 contratos laborais por emprego creado

En perspectiva anual a redución do paro rexistrado sobe por riba do 7% e o avance do emprego, do 1,56%. Ambos valores foron abertamente celebrados dende a Xunta, especialmente porque "a caída do desemprego é superior á media do Estado en 3,7 puntos". No entanto, estes datos prodúcense nun contexto de síntomas de desaceleración económica que, como hai unha década, chegan a Galicia un chisco máis tarde que a outros puntos do Estado.

Cunha caída do paro rexistrado na media estatal do -3,94% interanual, menos do agardado, o dato galego do 7,64% é notablemente mellor en termos comparativos. Isto non impide, non obstante, que estea tres puntos por baixo da redución deste mesmo indicador que hai un ano e sexa a segunda baixada menos intensa nun mes de xullo dende a fin da recesión económica. 

A combinación dos devalos económico e demográfico provoca que o paro estea en niveis pre-crise pero haxa case 60.000 cotizantes menos na Seguridade Social

Como reflectía a Enquisa de Poboación Activa (EPA) recentemente publicada, as principais magnitudes do desemprego en Galicia están xa en niveis previos á crise económica que estourou definitivamente en 2008, pero non sucede o mesmo co emprego. Tras un novo avance do 1,56% interanual nas cotizacións á Seguridade Social, con 15.937 persoas máis, de media, cotizando que un ano antes, o total achégase aos 1,04 millóns de persoas.

Este é o valor máis alto dende 2010 e achégase ao panorama do verán de 2009. Non obstante, a combinación dos devalos económico e demográfico provoca que, malia a estes crecementos e poñendo entre paréntese a calidade do emprego creado, haxa polo momento case 60.000 persoas menos a cotizar na Seguridade Social en Galicia que antes da crise.

Dez anos despois da caída de Lehman Brothers as ameazas sobre o mercado laboral son outras, dende a guerra comercial dos EUA contra a China ao Brexit, pasando pola incerteza política en España

O rexistro que si acadou xa os valores previos á recesión é o devandito do paro rexistrado. As 150.921 persoas anotadas nas oficinas de emprego en xullo de 2019 son practicamente as mesmas que había rexistradas en xullo de 2008, apenas dous meses antes da caída de Lehman Brothers

Agora as ameazas sobre o mercado laboral son outras, dende a guerra comercial de Estados Unidos contra a China ata o Brexit pasando pola incerteza política en España. Mentres, o mercado laboral galego é agora máis pequeno que daquela e para lograr a creación dun posto de traballo cómpren, de media, quince contratos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.