O paro rexistrado aumentou en máis de 6.000 persoas durante o mes de novembro en Galicia, que destruíu máis de 2.000 empregos
O paro aumenta de maneira importante en Galicia, que destruíu máis de 2.000 empregos en novembro. Segundo os datos difundidos este mércores polos ministerios de Traballo e Seguridade Social, o pasado mes afondou na fin do feble rebote na creación de postos de traballo que no país provocara a chegada do verán. Un espellismo. En outubro, o número de persoas no paro rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego incrementouse en case 5.000. Desta vez, aumentou en 6.165 respecto ao mes de outono, o que supón alcanzar as 187.472 persoas paradas, 21.813 máis que hai un ano.
En termos porcentuais, a suba galega quintuplica a media estatal e o incremento deuse, ademais, en todos os sectores de actividade e non só naqueles máis paralizados ou afectados por mor das restricións sanitarias, aínda que volve ser o de servizos o que apunta a maior suba, con 4.609 parados máis.
Atendendo aos datos, unha de cada catro novas persoas desempregadas no Estado é galega, 6.165 dun total de 25.269 no conxunto de España. Ademais, neste mesmo mes de novembro, a afiliación á Seguridade Social en Galicia diminuíu en 2.134 persoas e queda nun total de 1.009.884 cotizantes, 13.706 menos que un ano antes.
En canto á contratación, no mes de novembro rexistráronse en Galicia 61.311 contratos, dos cales 56.139 foron temporais. Xa que logo, só oito de cada cen contratacións foron indefinidas. Ademais, ambas modalidades reducíronse, o que provoca unha caída do 16,1 % no número de contratos rexistrados, e polo tanto na actividade, un dato que case triplica o estatal, onde só diminúen un 6,55 %.
Os efectos da pandemia impactan no mercado laboral, cunhas cifras que este mércores incluíron outro dato moi agardado: o número de traballadores en ERTE de forza maior, logo da mudanza no cambio do sistema destes expedientes de regulación de emprego que inclúe as novas modalidades derivadas do Real Decreto 30/2020.
Así, a tendencia descendente no número de traballadores incluídos en ERTE de forza maior en Galicia interrompeuse de novo logo de que no mes de novembro a Xunta aplicase en boa parte de Galicia as maiores restricións desde a fin do confinamento da pasada primavera. Hai un total de 22.833 persoas acollidas a este tipo de expedientes asociados ás consecuencias da COVID, 6.600 máis que no pasado outubro, o que supón un incremento do 40,6% respecto ao mes anterior.
Hai 22.833 persoas en situación de ERTE de forza maior, 6.600 máis que no pasado mes de outono tras un incremento do 40%
O peche da hostelería e as restricións de mobilidade, suavizadas en boa parte dos municipios desde o vindeiro venres, provocaron a entrada de máis persoas en ERTEs de forza maior, aínda que son unhas 100.000 menos que as que se atopaban nesta situación durante o mes de abril, primeiro tras o confinamento domiliario.
Foi no seguinte mes, en maio, cando o número de persoas acollidas a este tipo de ERTE chegou aos seus máximos, con máis de 132.000, unha cifra que foi baixando paseniñamente coa desescalada de maio, coa saída do estado de alarma e coa nova normalidade durante o verán, que fixo que de xuño a xullo saíran do ERTE a metade das persoas que permanecían aínda acollidas a esta figura.
Son case 23.000 traballadores e traballadoras que nas estatísticas laborais manteñen a súa cualificación como ocupadas, á espera de volver á a actividade, aínda que cunhas perspectivas laborais máis que incertas pola evolución da pandemia.
Por outra banda, e en canto ás prestacións de desemprego, no mes de outubro cobraron algún tipo de prestación deste tipo 114.138 persoas: 63.348 prestacións contributivas e 50.790 subsidios. Unha parte das prestacións contributivas seguen correspondendo ao mecanismo dos ERTEs, con prórrogas acordadas cos axentes sociais.