O plan 'Reiníciate' para o emprego da mocidade da provincia de Lugo rolda o 30% de inserción laboral

Participantes nunha actividade para o fomento das profesións tecnolóxicas entre a mocidade, promovida pola EOI, nunha imaxe de arquivo © EOI
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-reiniciate-84281e7.jpeg

O programa ′Reiníciate. Enfoca o teu futuro′ da Deputación de Lugo e a Escola de Organización Industrial (EOI) busca fomentar a inserción laboral da xuventude da provincia de Lugo. Cunha vintena de cursos de formación en marcha e con prácticas remuneradas, este programa converteuse nunha opción ben recibida entre a mocidade para completar os seus estudos e atopar traballo no que máis lles pode interesar. 

"Hai xente nova con moito medo ao mercado laboral. Por iso acompañamos en todo o proceso e mesmo facemos simulacros de entrevistas de traballo"

″Hai xente nova que lle ten moito medo ao mercado laboral porque pensa que non ten a formación suficiente ou non vai saber facer as cousas. Por iso os acompañamos en todo o proceso e facemos un seguimento das entrevistas de traballo que lles van xurdindo″, explica unha das técnicas do departamento de empregabilidade de ′Reiníciate. Enfoca o teu futuro′.

A pandemia non diminuíu o interese pola formación, por iso mantiveron os cursos online. Unha modalidade que aínda non abandonaron porque hai moita mocidade das zonas rurais de Lugo que se está a apuntar e ten máis complicado achegarse á cidade para as clases. O programa está desañado para persoas entre os 16 e os 30 anos, pero os perfís predominantes están nos primeiros vinte e teñen estudos previos de FP

Ademais, ofrécenlles unha formación para afrontar as entrevistas de traballo e os procesos de selección das empresas. ″Facemos simulacros de entrevistas, é algo que está a funcionar moi ben. Despois, cando van ás entrevistas das ofertas que se lles envían, tamén facemos un seguimento coa empresa para saber como lles foi e que cousas podemos mellorar″, explica a técnica. Están logrando a inserción laboral do 26% do alumnado que pasa polo programa. 

Iria, titulada en FP Superior de márketing e publicidade, traballa nunha empresa de Lugo como community manager tras formase na materia co programa Reiníciate

Iria Posada soubo do programa ′Reiníciate. Enfoca o teu futuro′ a través da prensa. ″Teño un FP superior de márketing e publicidade e vin que había un curso de community manager que encaixaba moi ben coa miña formación″, conta. Traballaba en Vilalba nunha empresa moi pequena na que facía de todo menos o que lle tocaría pola súa titulación, polo que deu o paso e anotouse á formación que ofertaba a Deputación. ″Estou moi contenta porque o curso me pareceu que estaba moi ben en contidos e o campus virtual pareceume moi intuitivo. Recomendaríalle a toda a xente nova que mire estes cursos porque ademais teñen prácticas remuneradas″, engade. 

Agora está a traballar nunha empresa de Lugo que a contratou en xaneiro como community manager. ″É un cambio importante, agora estou coas redes sociais, coa páxina web e tamén fago estratexias de márketing″, di. Como Iria, Angie Lorena Cortes tamén está a traballar despois de facer un dos cursos do programa ′Reiníciate′. Anotouse ao curso de márketing e comercio porque no seu país de orixe, Colombia, xa traballara neste eido. ″Foi unha boa experiencia. Gustaríame seguir formándome e facer outro curso máis adiante″, asegura.

Encontro profesional con Carmen Lence, conselleira delegada de Río de Galicia, no marco do programa Reiníciate da Deputación lucense, este 28 de abril en Lugo © Deputación de Lugo

"As empresas saben que sen presenza en internet non existen e precisan perfís que a saiban xestionar"

″Un dos maiores problemas que temos como cidadáns é que non estamos afeitos usar a documentación en formato electrónico en lugar do formato físico, tampouco a comunicarnos a través de plataformas virtuais ou rexistros telemáticos polo que o curso axudoume a comprender que non é tan difícil, que se aforra en prazos e tamén existe apoio técnico para este tipo de operacións″, detalla Adela Paz, alumna do curso de Auxiliar de xestión informática especializado en licitacións e asociacións, que atopou traballo grazas a esta formación. 

″Hai moito alumnado de FP en Comunicación e márketing ou de Administración e finanzas que aproveita estes cursos para ter unha formación a maiores que os diferencie do resto, pois son cursos de FP moi demandados hoxe. Tamén é certo que as empresas agora saben que se non teñen presenza na internet non existen e precisan perfís que saiban xestionar isto″, salienta a técnica do programa. Toda a información do programa está dispoñible no seu sitio web.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.