O PP cre "complicado explicar" a subvención da Xunta a Abanca polos caixeiros no rural e pídelle "responsabilidade social"

Unha muller saca cartos nun caixeiro de Abanca © Abanca

"É complicado explicar que se dea unha axuda a unha entidade privada que ten os seus beneficios por unha decisión para poder seguir manténdoos", di Puy

O PPdeG asume que é difícil explicar que Abanca vaia ser subvencionada pola Xunta para instalar caixeiros naqueles concellos que quedan sen oficina cando, precisamente, leva a cabo peches para manter os seus beneficios. 

Así o explicou o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, ao ser preguntado en rolda de prensa pola axuda de ata case 3 millóns de euros que nos vindeiros catro anos recibirá Abanca da Xunta para a instalación de caixeiros en localidades sen sucursal. "Entendo que é complicado explicar que se dea unha axuda a unha entidade privada que ten os seus beneficios por unha decisión que adopta para poder seguir manténdoos", dixo, logo de advertir, no entanto, que o acordo polo que os concellos se suman á iniciativa foi apoiada pola Fegamp e que entre os municipios adheridos hainos "de todas as cores políticas". 

Pedro Puy, en rolda de prensa, nunha foto de arquivo © PPdeG

A vaga de peche de oficinas de Abanca no rural ergueu as protestas de veciñanza e gobernos locais, tamén do PP, partido que a tavés dos seus cargos municipais está impulsando as mobilizacións contra a entidade financeira e mesmo contra o seu presidente, Juan Carlos Escotet. Con este pano de fondo, os populares fan filigranas para apoiar as queixas dos seus alcaldes e ao tempo defender a subvención ao banco que está a recibir as críticas. 

"É conveniente que se faga unha chamada á responsabilidade social das entidades financeiras; este tipo de decisións deben ser analizadas polo miúdo e deben ter en conta as circunstancias de cada lugar e a posibilidade de que nas proximidades haxa unha oficina que dea servizo", asegura Puy, que insistiu nesa "responsabilidade social cos clientes que, como consecuencia dun peche que beneficia a conta de resutlados dun banco, se van ver prexudicados". 

"É a submisión de Feijóo aos grandes poderes económicos, algo intolerable e unha burla á cidadanía", di Ana Pontón

Para Puy, hai dúas posturas entendibles: un "principio xeral" sobre que "non se deben gastar cartos públicos" nesa subvención aos caixeiros, pero tamén outra "máis práctica" pola que "se lles pode dar unha solución a 55.000 galegos e galegas que teñen un problema", en referencia aos afectados polo peche de oficinas no seu concello. 

As explicacións, no entanto, non convencen a oposición, que acusa a Feijóo de connivencia con Abanca. Así, a portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, considera "unha auténtica burla á cidadanía" que Feijóo decida "darlles 3 millóns de euros para que abran caixeiros no rural" a entidades financeiras "rescatadas con máis de 9.000 millóns de euros públicos". "É a submisión de Feijóo aos grandes poderes económicos, algo intolerable", insistiu. 

Gonzalo Caballero, con representantes municipais de concellos afectados por peches de oficinas bancarias CC-BY PSdeG

"Con cada oficina bancaria que pecha nos pequenos concellos, Feijóo acoitela os dereitos dos galegos e galegas que viven no rural”, di Gonzalo Caballero

Pola súa banda, Gonzalo Caballero, portavoz parlamentario e secretario xeral do PSdeG, instou a Feijóo a que "evite a exclusión fianceira nos concellos pequenos e garanta a igualdade de oportunidades dos galegos e galegas". 

"Con cada oficina bancaria que pecha nos pequenos concellos, Feijóo acoitela os dereitos dos galegos e galegas que viven no rural”, engadiu Caballero, que mantivo un encontro con 14 representantes municipais do PSdeG que reclaman que se manteñan as oficinas bancarias nos seus concellos e que avogaron por “unha carta de servizos básicos” cos dereitos no rural, entre eles os alcaldes de localidades afectadas polos peches de oficinas de Abanca como Vimianzo, A Baña, Dumbría e Forcarei.

O Concello de Vimianzo retira os seus fondos de Abanca

Por outra banda, e segundo informa Radio Nordés, o Concello de Vimianzo decidiu retirar os fondos do depósito de crédito da entidade Abanca e decidiu repartir a cantidade entre o resto das sucursais da zona.

A decisión vén derivada tras a decisión da entidade de pechar a súa oficina de Baíñas, e en palabras da propia alcaldesa, Mónica Rodríguez, “non sería consecuente seguir contando cos servizos de Abanca logo do abandono desta entidade co noso rural e do resto de Galicia”. 

A rexedora comunicoulle esta decisión ao resto de grupos da oposición o pasado venres, nunha Xunta de Portavoces, onde recibiu o apoio unánime de todas as forzas da corporación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.