Hai un ano, o 17 de agosto de 2021 o litro de gasolina 95 situábase en Galicia nos 1,436 euros e o de gasóleo A estaba nos 1,281. Nesta altura, doce meses despois, o prezo medio de venda ao público é dun 13% superior, no caso da gasolina, e está máis dun 31% por riba, no gasóleo. Estas importantes subas, con todo, están amortecidas polo desconto xeral de 20 céntimos aplicado polo Estado dende o pasado 1 de abril, no marco do primeiro paquete de medidas contra a crise de prezos agudizada polas consecuencias internacionais da invasión rusa da Ucraína e das sancións comunitarias impostas en resposta pola UE contra o Goberno de Vladimir Putin.
Se non se estivese a aplicar o desconto, e tendo en conta os prezos medios segundo a información dos importes que indican as estacións de servizo e que publica o Ministerio para a Transición Ecolóxica, o gasóleo pagaríase agora arredor dun 47%% máis caro que hai un ano e a gasolina, un 27%.
Malia a baixada dos últimos meses, e aínda tendo en conta o desconto estatal, o gasóleo é un 31% máis caro que hai un ano e a gasolina, un 13%
Todo logo de que os prezos volvesen repuntar na última semana, despois de que entre o 13 de o 15 de agosto pasados se alcanzasen os prezos máis baixos desde mediados de abril e logo de dous meses de baixada constante.
Pero desde mediados deste agosto, o importe dos combustibles volveu subir, paseniñamente pero de maneira constante, ata alcanzar cifras que non se vían desde os primeiros días deste mesmo mes.
Os prezos, aplicado o desconto, seguen sendo moi altos se os comparamos con hai un ano ou cos do inicio deste 2022. No entanto, roldan agora os que se pagaban nas estacións de servizo antes da invasión rusa de Ucraína. Con todo, xa son máis altos que os do día previo ao comezo da guerra, situación que a gasolina lograra reverter hai tan só unha semana.
O día antes do inicio da guerra, o prezo medio da gasolina 95 en Galicia era de 1,62 euros, mentres que o que agora se paga nas estacións de servizo ao aplicarse os vinte céntimos de rebaixa é case idéntico (1,624), aínda que lixeiramente superior.
No caso do gasóleo, o prezo medio en Galicia aquel 23 de febreiro era de 1,507 euros, aínda bastante por baixo dos 1,68 que se paga nesta altura ao se aplicar o desconto estatal de vinte céntimos.
Ademais, e segundo os datos do Ministerio, os prezos medios dos principais combustibles en Galicia seguen a ser sensiblemente superiores aos do conxunto do Estado. Así, mentres o importe do gasóleo -sen aplicar o desconto- en Galicia é de 1,88, queda en España no 1,85. No caso da gasolina 95, mentres no país alcanza os 1,824 euros por litro, a media estatal sitúase nos 1,786.