O Supremo condena a Xunta por subvencionar unha empresa con 19.000 euros de máis e pedirlle despois devolver 173.000

Contedores da empresa Rotogal, que recibiu dúas axudas da Xunta para desenvolver un recipiente especial para transporte de bivalvos © Rotogal

O alto tribunal critica a falta de proporcionalidade do Goberno galego ao esixir a devolución íntegra dunha axuda a unha empresa á que el mesmo, malia ser advertido, dera dúas que sumadas superaban os 200.000 euros de limite fixados pola UE

O Tribunal Supremo vén de condenar a Xunta pola súa falta de proporcionalidade ao esixir a unha empresa á que ela mesma dera dúas subvencións distintas que sumaban máis do permitido pola normativa da UE que devolvese integramente a totalidade da axuda de maior importe.

Malia ser advertido da situación pola propia empresa, o Goberno galego déralle as dúas axudas, que xuntas superaban en 19.000 euros os 200.000 de límite fixado pola lexislación comunitaria. Foi despois de executado correctamente o proxecto subvencionado cando a Xunta esixiu á empresa a devolución non só do importe excedido por ela mesma senón dos 173.000 euros da axuda de maior contía.

Sede do Tribunal Supremo, en Madrid © Tribunal Supremo

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza do Supremo, Rotogal SL, con sede en Boiro presentouse en 2016 a dúas convocatorias de axudas distintas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e da Consellería do Mar para o deseño e execución dun contedor de depuración e un sistema para o transporte de bivalvos vivos. As dúas axudas foron resoltas favorablemente por separado, primeiro a do Igape, de menor importe, e despois a da Consellería do Mar, de 173.000 euros. Entre as dúas sumaron 219.000, máis que o límite de 200.000 euros en tres anos consecutivos que fixa a normativa da UE para ese tipo de axudas, denominadas de minimis.

A propia Xunta certificou que o proxecto subvencionado foi executado cumprindo "todas as condicións aplicables"

Sempre segundo sinala a sentenza do Supremo, cando a empresa recibiu a notificación da segunda axuda "comunicou formalmente" á Xunta a obtención da previa, "indicando expresamente o seu importe". Pero o Goberno galego "non paralizou a axuda proxectada, antes ben, continuou coa tramitación do procedemento ata o completo pagamento".

A propia Xunta certificou posteriormente que o proxecto para o que a empresa pedira as axudas "executouse" correctamente e cumprira "todas as condicións aplicables" sobre "o seu emprazamento, funcionalidade, uso, obxectivos, durabilidade, realización física e resultados". Pero a finais de 2019 a mesma Xunta decidiu esixir á empresa o reintegro completo da segunda axuda que lle entregar, 173.000 euros, por superar a suma das dúas subvencións os 200.000 euros fixados como límite pola UE.

Sentenza do Supremo que condena a Xunta pola súa falta de "proporcionalidade" ao pedir a unha empresa que devolvese toda unha axuda e non só o que ela mesma lle concedera de máis CC-BY-SA Praza Pública

A empresa recorreu e inicialmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deu a razón á Xunta. Pero nun novo recurso agora o Supremo vén de dar a volta ao caso e considera que a Xunta non actuou de xeito proporcional ao esixir a devolución dos 173.000 de toda a segunda axuda e non dos 19.000 que superaban o límite comunitario. 

O Supremo conclúe que a empresa debe devolver só a suma excedida que a Xunta lle deu de máis, 19.000 euros, e non toda a axuda de 173.000 correctamente executada

"A Administración tivo coñecemento fiable" da primeira subvención que xa tiña a empresa, di o Supremo, "e, sen embargo, non actuou en consecuencia, isto é, non paralizou a axuda proxectada". Para o alto tribunal a decisión da Xunta de outorgar a segunda axuda debe ser anulada. Pero matiza que "non cabe obviar que cando se aprecia a concorrencia do vicio, o acto xa despregara todos os seus efectos materiais, pois se desenvolveu integramente o programa proxectado e se cumpriron a totalidade dos obxectivos, finalidades e investimentos da subvención por parte da beneficiaria, que comunicou de forma temporánea o desfrute da precedente prestación". 

Así que o Supremo conclúe que "en atención ao razoado e á lóxica do principio de proporcionalidade, a Sala considera que a resolución de reintegro ha de limitarse á suma que excede da norma de minimis [a normativa comunitaria que limita ese tipo de axudas a 200.000 euros] ao non acreditarse, por outra parte, que a escasa superación desta suma supuxese unha afectación potencial da competencia nin que incida na actividade subvencionada, xa cumprida". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.