A Xunta destruíu 25.000 quilos de peixe dunha empresa de xeito "inxustificado" e agora ten que indemnizala con 135.000 euros

Imaxe dun catálogo da empresa Interatlantic Fish á que a Xunta terá que indemnizar por destruírlle 25.000 quilos de peixe © Interatlantic Fish

Sanidade tardou oito meses en sancionar como grave o que era unha infracción leve, o produto acabou estragado e despois a consellería obviou un ditame do Consello Consultivo que dixo que había que indemnizar a empresa

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar a Xunta a indemnizar con 135.000 euros a unha empresa viguesa de importación, exportación e comercialización de produtos do mar, Interatlantic Fish, á que inmobilizou 25.000 quilos de salmón conxelado. A Consellería de Sanidade tardou oito meses en impoñer á empresa unha sanción grave pola súa xestión do peixe e ordenou destruílo por superar a data de caducidade, pero un xulgado sentenciou que a infracción era leve, que a inmobilización do produto fora inxustificada e que este era apto para o consumo.

Ante esa sentenza previa a empresa reclamou á Xunta unha indemnización e o Consello Consultivo de Galicia ditaminou que tiña dereito a ela, pero Sanidade obviouno e denegoulla, e agora o TSXG condénaa a pagarlle 135.000 euros.

Instalacións de Interatlantic Fish nunha feira Conxemar en Vigo © Interatlantic Fish

Segundo o relato dos feitos que fai o TSXG, Sanidade fixo unha inspección ás instalacións frigoríficas nas que a empresa gardaba o peixe o 19 de decembro de 2018, e o 2 de febreiro de 2019 a xefatura territorial da consellería acordou incoar un procedemento sancionador pola presunta “elaboración dun produto de pesca conxelado a partir de materia prima con alteracións organolépticas”

Para a xustiza a inmobilización do produto "foi desproporcionada e inxustificada" xa que era "idóneo para o consumo"

Durante a tramitación da sanción a empresa presentou unha peritaxe, despois validada pola xustiza, que concluíu que o produto era apto para o consumo cunha data de caducidade no 26 de xullo de 2019. Pero Sanidade non atendeu a súa petición de liberar o produto e non resolveu o procedemento ata o 2 de setembro de 2019, máis de oito meses despois da inspección inicial. Foi nese momento, superada xa a caducidade do produto, cando o director xeral de Saúde Pública declarou probada a comisión dunha infracción grave, impuxo unha multa de 5.001 euros e ordenou a destrución do peixe. 

Pero a empresa recorreu a sanción e un xulgado de Vigo considerou que non debía ser grave senón leve xa que as deficiencias detectadas non supuñan un risco para a saúde pública e o produto era “idóneo para o consumo ata o 25 de xullo de 2019”. Unha sentenza firme na que se estableceu que a inmobilización do produto ditada pola Xunta “foi desproporcionada e inxustificada”.

Sentenza do TSXG que condena a Xunta a indemnizar unha empresa pola destrución de 25.000 quilos de peixe CC-BY-SA Praza Pública

A empresa reclamou unha indemnización á Xunta de 154.000 euros polo peixe destruído, a razón de 5,50 euros por quilo máis contías menores polo custo de mantemento do produto conxelado ata a súa destrución. Nese procedemento administrativo o Consello Consultivo de Galicia emitiu en xullo de 2021 un ditame favorable a que a empresa fose indemnizada no que só discrepou na contía final. Pero ese ditame foi obviado polo secretario xeral de Sanidade, Alberto Fuentes Losada, que finalmente en novembro de 2021 denegou calquera indemnización. 

O tribunal censura a "falta de proporción" de Sanidade por considerar grave o incumprimento da empresa con 25 toneladas de comida pero sancionala coa multa máis baixa posible, 5.001 euros, cando finalmente a infracción era só leve pero o produto acabou estragado

Así que a empresa recorreu novamente á xustiza e agora o TSXG dálle a razón nunha sentenza que salienta que o proceso sancionador da Xunta durase oito meses e que aínda que inicialmente se detectase “un comportamento anómalo, era razoable alzar a medida cautelar para permitir a posta ao mercado do salmón conxelado comisado, ao ser viable para o consumo ata o 25 de xullo de 2019”. Conclusión esta emitida por unha experta en seguridade alimentaria, avalada polo primeiro xulgado que coñeceu o caso e polo Consello Consultivo e que agora asume tamén o TSXG.

Pero o alto tribunal engade outro matiz en contra da postura da Xunta xa que salienta que “aínda que a resolución sancionadora concluíu que a contravención era grave por comportar un risco para a saúde, impúxolle [á empresa] unha multa de tan só 5.001 euros, que era a mínima”, malia o considerable volume do produto comisado. Iso, di o TSXG, “revela unha clara falta de correspondencia ou proporción entre o alcance da contravención e os efectos que produciu, que non só foron a exigua multa senón tamén a definitiva perda dese produto”.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

O TSXG remata calculando a indemnización a que ten dereito a empresa en 135.000 euros, tras descontar contías menores polo custo de mantemento do produto en cámaras frigoríficas e polo destino que finalmente tivo o peixe, convertido en penso para animais, o que segundo o tribunal acabou supoñendo algún tipo de “proveito” para a empresa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.