O Instituto Galego de Consumo sancionou a empresa por publicidade desleal dos modelos Tucson Híbrido, Novo Tucson e i30 que pretendía "xerar confusión ao consumidor"
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar tres multas do Instituto Galego de Consumo a Hyundai por un importe total de 45.000 euros por facer publicidade desleal dos seus modelos Tucson Híbrido, Novo Tucson e i30. A marca, segundo os inspectores de Consumo, avalados agora pola xustiza, ocultou información sobre gastos de financiamento deses modelos facendo imposible que fosen adquiridos polos importes publicitados.

Segundo a sentenza agora feita pública polo TSXG, con data do 19 de novembro, o Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía, abriu tres expedientes a Hyundai Motor España SA en 2021 que acabaron con tres sancións de 15.000 euros cada unha por feitos similares en cada unha das tres ofertas de vehículos analizadas. Os inspectores de Consumo acreditaron que "para calquera usuario resulta imposible adquirir unha unidade dos modelos Tucson Híbrido, Novo Tucson e Novo i30 ao prezo indicado pola entidade como prezo final completo, aínda financiando os vehículos nos termos establecidos na oferta, posto que dito importe vese incrementado en todos os casos con gastos de financiamento".
"Para calquera usuario resulta imposible adquirir unha unidade dos modelos Tucson Híbrido, Novo Tucson e Novo i30 ao prezo indicado pola entidade como prezo final completo", sinalaron os inspectores do Instituto Galego de Consumo
A empresa recorreu primeiro esas sancións na vía administrativa e a Xunta ratificounas. Despois Hyundai acudiu á xustiza e un xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago avalou as multas en decembro de 2023. Pero a empresa volveu recorrer e agora é o TSXG o que ratifica as sancións.
Entre outras cuestións a empresa argumentou que non debía recibir tres multas distintas senón unha soa polo que consideraba "unha única campaña de publicidade", de xeito que ao seu ver "a Administración debeu acumular as tres infraccións nun só expediente administrativo".

Pola súa banda, a Xunta retrucou que se produciron tres infraccións distintas porque "cada modelo publicitario constitúe un acto independente dos demais: o prezo resulta individualizado para cada modelo publicitario e con condicións distintas e vai dirixida á venta dos tres vehículos a un público moi concreto en cada un deles". Tamén salienta que as datas das tres campañas publicitarias foron distintas.
Sobre o fondo da cuestión, Consumo argumentou que "a información publicitaria pretende xerar confusión ao consumidor, obrigando a realizar indagacións que non lle corresponden" ao non cumprir co requisito legal de que ese tipo de publicidades reflictan "o prezo final completo, incluídos os impostos, desglosando, no seu caso, o importe dos incrementos ou descontos que sexan de aplicación á oferta e os gastos adicionais que se repercutan ao consumidor ou usuario".

Porén, máis alá desas argumentacións sobre as que xa se pronunciara o xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago dando a razón a Consumo e quitándolla a Hyundai, o TSXG ratifica a sanción sen entrar no fondo. O tribunal acepta a alegación de Consumo de que Hyundai xa non tiña dereito a recorrer a sentenza previa porque o importe de cada sanción non supera os 30.000 euros. Ese é o límite establecido pola lexislación para que se poidan recorrer en apelación sentenzas con contía económica.
O tribunal lembra que neste caso non houbo unha soa multa de 45.000 euros senón que Hyundai acumulara na primeira instancia xudicial "tres pretensións anulatorias contra senllas sancións que lle foron impostas en materia de consumo, o que supón que as pretensións de anulación nesta segunda instancia, ao ser integramente desestimatoria a sentenza impugnada, sigan sendo tres, e ningunha delas, separadamente, supera os 30.000 euros" que esixe a lei para ter dereito a acceder á apelación. Así que o TSXG remata desestimando o recurso de Hyundai e ratificando así integramente as súas sancións.
