Un home de 41 anos faleceu este mércores pola mañá mentres traballaba no estaleiro de Armón Vigo logo de quedar atrapado nun guindastre
Nova traxedia no metal. Un home de 41 anos faleceu este mércores pola mañá mentres traballaba no estaleiro de Armón Vigo logo de quedar atrapado nun guindastre.
Segundo informou o 112, pasaban as 12.00 horas cando o servizos de emerxencia tiveron constancia dos feitos e ata o lugar chegaron tres ambulancias e persoal médico. Mais, pese aos esforzos da equipa sanitaria, nada puideron facer para salvarlle a vida.
Segundo fontes do 112 Galicia, o traballador puido ser liberado e atendido no punto polos sanitarios, pero pouco despois faleceu no punto. E.R.A. era portugués e traballaba para a empresa auxiliar Tecnisa, segundo confirman fontes sindicais.
Trátase da segunda morte no sector naval en apenas un ano. O vigués Iván Costas Comesaña, de 42 anos, falecía en novembro de 2022 cando descargaba bloques de aceiro dun camión nas instalacións de Cardama. Traballaba para a auxiliar do naval Tunafer.
Paro no sector
Os sindicatos CC.OO. , CIG e UXT convocaron un paro no sector para este xoves e unha manifestación para exixir a mellora nas condicións dos estaleiros. En concreto, a concentración terá lugar ás 09.00 horas no estaleiro Armón Vigo para logo marchar pola avenida de Beiramar ata a Inspección de Traballo.
“Non temos palabras para expresar a nosa repulsa a un novo accidente mortal que podería terse evitado”, indican as centrais sindicais nun comunicado conxunto.
“As administracións e a clase empresarial deste país teñen que pór fin a esta lacra, aportando medios e recursos para que as persoas traballadoras desenvolvan a súa actividade en contornas seguras e cambiando o modelo de precarización que supoñen os estaleiros de síntese”, engaden os sindicatos.
Hai moitos anos xa que a maior parte do traballo nos estaleiros é executado polas empresas auxiliares, que achegan arredor do 90% da man de obra necesaria para a construción dos buques. Nos exiguos cadros de persoal propio do estaleiro recaen sobre todo as tarefas de coordinación. Son os chamados estaleiros de síntese.
Durante o pasado ano faleceron 67 traballadores e traballadoras en xornada laboral en Galicia, aos que se suman outras 6 defuncións in itinere, é dicir, no traxecto ata o lugar de traballo ou de regreso del, segundo os datos do Ministerio de Traballo. As 67 mortes en xornada supoñen a cifra máis elevada dende o ano 2009 (72 falecementos) e, por exemplo, son 18 máis que as rexistradas no ano 2021.