Os sindicatos reivindican no 10M a loita obreira contra a perda de dereitos e a "involución" da ultradereita

Mobilizacións de CIG e CCOO e monumento a Amador e Daniel en Ferrol CC-BY-NC-SA Fotos: CCOO Galicia e CIG Montaxe: Praza.gal

Como cada 10 de marzo, coincidindo co aniversario do asasinato a mans da policía franquista dos traballadores da antiga Bazán Daniel Niebla e Amador Rey en 1972, Galicia celebra o Día da Clase Obreira Galega. Desde hai medio século, sindicatos e organizacións sociais e culturais reivindican en Galicia aquel movemento obreiro que fixo abalar a ditadura en Ferrol e poñen en valor a necesidade da loita e da mobilización da clase traballadora para seguir conquistando e avanzando en dereitos. 

Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO Galicia, reivindicou o papel da "clase obreira organizada" nestes tempos nos que a ultradereita supón "un risco claro de involución"

Así, e como todos os anos, o monumento a Amador e Daniel en Ferrol foi o escenario da ofrenda floral organizada polo Concello á que se uniron diferentes colectivos sociais e culturais, todos os grupos políticos con representación na corporación e sindicatos como UGT e mais CCOO, que convocou tamén a unha manifestación que no mediodía percorreu as rúas desde a porta de Navantia ata o memorial aos dous obreiros falecidos tal día coma hoxe hai 23 anos baixo o lema "Emprego e salarios dignos para unha vida digna"

A secretaria xeral do sindicato en Galicia, Amelia Pérez, destacou o papel da "clase obreira organizada" nuns tempos nos que a ultradereita supón "un risco claro de involución", polo que instou a que a clase traballadora xogue "un papel determinante para defender os dereitos conquistados". 

Intervención do alcalde de Ferrol, Rey Varela, na ofrenda floral a Amador e Daniel CC-BY-SA CCOO Galicia

Durante a ofrenda, o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, puxo de manifesto a importancia dunha data "recoñecida por unanimidade no Parlamento de Galicia en 1997” e que “marcou o devir da cidade e de toda Galicia”. Ademais, quixo lembrarse de "todos os que onte, hoxe e mañá traballan con honestidade para conseguir unha sociedade mellor”.

Tamén ás 12, a CIG levou a cabo a súa ofrenda floral no monumento ao 10 de marzo, acto previo á manifestación que desde as 20 horas, con saída do local sindical da central nacionalista, percorrerá as rúas ferroláns. Ademais, todas as cidades galegas e mais Vilagarcía acolleron á tardiña mobilizacións convocadas pola central, baixo o lema "Traballo, igualdade, salarios dignos. Galiza con dereitos". 

Neste primeiro acto da central nacionalista, o responsable comarcal, Manel Grandal, cargou contra os "sindicatos españolistas" polos "resultados do diálogo social que non só segue sen alcanzar o que marca a Carta Social Europea no que respecta ao SMI, senón que obriga a quen o percibe a tributar no IRPF". 

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paul Carril, insistiu na mesma denuncia para criticar tamén a "apoloxía da guerra e do incremento dos gastos militares" por parte do Goberno de España, que se une á "crítica carestía da vida" e á "continuidade impenitente das sucesivas reformas laborais". 

A CIG critica a CCOO e UGT e os resultados do diálogo social e carga contra a "apoloxía da guerra e do incremento dos gastos militares"

Xa na previa da mobilización, a CIG advertiu de que cada día "é máis a precariedade a e pobreza laboral, a desigualdade, a fenda de xénero e a desprotección social" e que "ter traballo non implica acceder a dereitos básicos como a alimentación e a vivenda, nomeadamente entre a xente nova e as mulleres". Para a central nacionalista, esta realidade laboral "é resultado das reformas laborais aprobadas polos gobernos, utilizando o diálogo social para branquealas, onde o capital avanza a súa axenda, cun papel entregado á desmobilización de CCOO e UGT". 

Ademais, a CIG cre que a situación en Galicia é aínda peor polo goberno do PP na Xunta que "busca reforzar a dependencia económica e política galega ao sistema centralista español" e que acaba por negar "o noso dereito a negociar e decidir en Galiza os nosos convenios colectivos para termos mellores condicións de traballo e salarios dignos"

Manifestación de CCOO polo Día da Clase Obreira Galega en Ferrol CC-BY-SA CCOO Galicia

"Recoñecer este dereito é poder democratizar a negociación colectiva ante a permanente centralización en convenios estatais negociados por cúpulas sindicais sen a participación das persoas traballadoras", advirte a CIG, que cre que está na man da "capacidade de organización sindical e de loita frear este retroceso e precariedade que representa a fórmula perversa de neoliberalismo-diálogo social-estatalización".

"As políticas favorábeis para a clase traballadora e para o pobo galego non son concesión bondadosa dos gobernos nin nacen do diálogo social. Os dereitos conquístanse loitando", reivindica a central nacionalista este 10M. 

CCOO reivindica o papel dos sindicatos e as clases traballadoras para exixir á UE respostas á "belixerancia comercial e económica" de Trump

Pola súa banda, CCOO Galicia reivindica no seu manifesto "mellorar o emprego, máis igualdade e fortalecer o benestar". O sindicato sinala os orzamentos da Xunta como "pouco ambiciosos, continuístas e de marcada carga ideolóxica", advirte que o diálogo social "parece entrar nunha fase terminal" e critica a "falta de diálogo cos interlocutores sociais", o que fai que non existan "políticas eficaces que actúen sobre o mercado laboral". 

Ante os acontecementos internacionais e "a belixerancia comercial e económica que marca a administración Trump", CCOO pide á UE que "acorde respostas en defensa das clases traballadoras e populares" e que os sindicatos sexan "un axente activo na exixencia ás institucións comunitarias". "É necesario impulsar relacións comerciais con outras áreas do mundo, en salvagarda dos nosos sector industrial, agrario e de servizos". 

Representantes da CIG, durante a ofrenda floral polo 10 de marzo en Ferrol CC-BY-NC-SA CIG

Por todo iso, CCOO apela a traballar para "seguir afondando na igualdade, na xustiza social e no avance do país sen deixar ninguén atrás" e disposta a non refusar "debates incómodos". "O compromiso de CCOO é crear espazos de entendemento á hora de buscar solucións conxuntas", di. 

Por outra banda, o BNG reafirmou este 10 de marzo a necesidade de "conquistar máis dereitos" para a clase traballadora galega. O portavoz nacionalista no Congreso, Néstor Rego, chamou a participar nas mobilizacións “por unha Galiza con futuro, traballo digno e dereitos para todas”. Ademais, sinalou como "imprescindíbel" a redución da xornada laboral a 35 horas como camiño até chegar á xornada de 4 días e 32 horas, así como o aumento do Salario Mínimo Interprofesional até 60% do salario medio.

Mobilización da CIG en Vigo polo 10 de marzo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.