Outra marcha lanza un novo SOS polo futuro de Ferrolterra, Eume e Ortegal

Marcha polo futuro de Ferrolterra, Eume e Ortegal, o 27 de xuño de 2021 CC-BY-SA CCOO-Galicia

CIG, CCOO e UGT reuniron unhas 700 persoas noutra marcha polo futuro das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal

Unhas 700 persoas manifestáronse este mediodía na ponte das Pías, que une Ferrol e Fene, para lanzar de novo un SOS Ferrolterra, polo futuro da comarca, tal e como rezaba a pancarta que encabezou a marcha que partiu da cidade ferrolá e que se uniu con outra que chegaba desde Fene. 

A convocatoria unitaria dos sindicatos CIG, CCOO e UGT reuniu varios alcaldes de Ferrolterra, Eume e Ortegal, ademais do deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego. No medio da ponte e sobre a ría de Ferrol, un barco de carón foi lanzado ao mar. 

Marcha polo futuro de Ferrolterra, Eume e Ortegal, o 27 de xuño de 2021 CC-BY-SA UGT Galicia

"É unha batalla máis dentro desta guerra, ante a situación de desemprego, pobreza e emigración da nosa mocidade", di a CIG

Desde a CIG, o seu secretario comarcal, Manel Grandal, definiu a mobilización como "unha batalla máis dentro desta guerra, ante a situación de desemprego, pobreza e emigración da nosa mocidade e onde as administración viven de se culpar unhas ás outras". Ademais, criticou a un Goberno central "desaparecido" e a unha Xunta "que vive da propaganda e esquecendo que é a verdadeira responsable da política industrial do noso país". "Nesta altura, aínda non foron quen de sentar para constituír unha mesa para abordar o futuro destas comarcas". 

Ademais, o novo secretario comarcal de CCOO, José Hurtado, denunciou o "declive" da comarca polo peche de Siemens, a central das Pontes ou a situación de Navantia e pediu que "as administracións, dunha vez por todas, deixen de facer a guerra unhas a outras". 

Desde UGT, o secretario comarcal José Antonio Díaz reivindicou que os traballadores se fagan "oír" porque "non é posible ter os sectores das nosas comarcas como están". "A inacción política nestes momentos é importante e non se nos está escoitando", denunciou. 

As tres centrais sindicais critican a "desaparición" de Goberno central e Xunta e piden que as administracións "deixen de culparse unhas ás outras"

Pola súa banda, Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, reclamou "un plan de reactivación industrial e económica" ante o que considera "un abandono por parte do Goberno central e da Xunta". 

O político nacionalista demandou a conversión de Navanta "nun complexo industrial integral, coa diversificación e a incorporación fundamental da construción naval civil", así como unha transición enerxética xusta e con "alternativas" e a "rexeneración da ría de Ferrol". Tamen pediu a "modernización das infraestruturas" e instou a ministra de Traballo, a ferrolá Yolanda Díaz, a "cumprir os seus compromisos", en concreto a derrogación da reforma laboral. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.