Perfumerías Arenal é sancionada por vulnerar o dereito ao descanso das traballadoras

Tenda de Arenal e fragmento da sentenza que constata os seus incumprimentos laborais CC-BY-SA Praza Pública

Un xulgado de Lugo avala multas da inspección laboral á cadea de orixe galego por 13.750 euros por non respectar o descanso mínimo semanal ou non dar voz ao persoal na elaboración dos calendarios de traballo

O Xulgado do Social 2 de Lugo vén de avalar varias sancións da inspección laboral a Arenal Perfumerías, cadea de orixe galega, por vulnerar o dereito ao descanso semanal das súas traballadoras, non facilitarlles o vestiario esixido por convenio e non negociar co persoal o calendario de traballo. As sancións agora ratificadas suman 13.750 euros.

As sancións a Perfumerías Arenal teñen a súa orixe nunha acta de infracción levantada pola inspección laboral da Coruña en marzo de 2022, cando a cadea aínda estaba dirixida pola familia lucense Vázquez Marzán, antes de que esta vendese todas as súas accións en 2024. A empresa recorreu as sancións e agora o xulgado ratifícaas.

Fragmento da sentenza que constata os incumprimentos laborais de Perfumerías Arenal CC-BY-SA Praza Pública

Segundo a sentenza agora feita pública, con data do pasado 27 de marzo, as tres sancións graves impostas foron de 3.750 euros por incumprir a normativa en materia de tempo de traballo, doutros 3.750 euros por "incumprimento da obriga de entregar calzado adecuado ás persoas traballadoras" e de 6.250 euros por vulneración "dos dereitos de participación das persoas traballadoras para a elaboración do calendario laboral".

A sentenza considera acreditado que "entre a saída do traballo o sábado e a entrada o luns, o descanso semanal é inferior ao legalmente previsto"

No primeiro caso a sentenza considera "acreditado" o incumprimento dos tempos mínimos de descanso "ao observarse que, entre a saída do traballo o sábado e a entrada o luns, o descanso semanal é inferior ao legalmente previsto, pois se solapa o obrigado descanso diario entre xornadas". A sentenza desbota o argumento da empresa de que algunhas das traballadoras tiñan redución de xornada e salienta que "os descansos mínimos entre xornadas e semanais son dereitos das persoas traballadoras, presten os seus servizos en xornada común ou parcial, que constitúen mínimos de dereito necesarios dos que as partes non poden dispoñer libremente, e as empresas teñen o deber de respectar e garantir". 

Unha tenda de Perfumerías Arenal nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza tamén considera acreditado que a empresa non facilitou a participación do persoal na elaboración dos calendarios de traballo. A empresa alegou que non se impugnara a súa proposta de calendarios e que existira "submisión a tal proposta polos traballadores". Pero o a sentenza salienta que iso "non é suficiente para colmar o dereito dos traballadores a participar a través dos seus representantes na negociación do calendario". Negociación que o xulgado non considerado probado que se producise.

Por último, a sentenza tamén considera que a empresa non cumpriu coa obriga establecida no convenio colectivo do sector de proporcionar calzado adecuado ao persoal.

Estes feitos, conclúe a sentenza, "foron constatados polo inspector de traballo, e non foron desvirtuados pola documentación achegada pola empresa", polo que a xustiza ratifica as sancións que suman 13.750 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.