Persoal de Finsa mobilízase tras 15 anos de "convenio parcheado" fronte a "beneficios récord"

Persoal de Finsa corta a estrada N-550 á altura da factoría compostelá da compañía para facer ver a súa reivindicación a prol dun novo convenio, este 20 de maio CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

Actualización de salarios conforme ao IPC ou maiores remuneracións para o traballo en noites, festivos e fins de semana encabezan as reivindicacións do persoal da madeireira, que cortou a N-550 ante os servizos centrais da compañía para facer ecoar a súa mobilización

A mediados de 2023 o Grupo Finsa presentaba os seus resultados do exercicio 2022. O resultado situouse en 1.419 millóns de euros en vendas que propiciaron un beneneficio antes de impostos superior aos 171 millóns, un 45% máis que un ano antes. E ademais, destacan as centrais sindicais que representan ao seu persoal, un beneficio récord.

Con este pano de fondo, persoal das catro fábricas galegas compañía madeireira, un grupo internacional no que traballan máis de 3.000 persoas, vén de principiar mobilizacións en torno aos seus servizos centrais, en Santiago. Da man da CIG, USO e CC.OO. destacan que na factoría compostelá, así como nas de Rábade, Padrón e San Cibrao das Viñas, "temos o convenio sen renovar dende 2009". 

Protesta de persoal de Finsa ante a factoría compostelá da compañía, cortando a estrada N-550

"Este ano facemos 15 anos de convenio parcheado", resumen tras cortaren o tráfico da estrada N-550, ás portas da fábrica, par procurar eco ás súas reivindicacións. Unha táboa reivindicativa que está encabezada pola esixencia dunha "actualización de salarios que garanta sempre o IPC como mínimo". Porque "outra cousa -evidencian- sería empobrecernos".

Reclaman ademais que as retribucións sexan maiores para o persoal que traballa polas noites, "e polas penosidades de festivos e fins de semana". "Hai xente -exemplifican- metendo madeira ou preparando mobles o Día do Pilar ou na Ponte da Constitución, ou o Primeiro de Maio" e que a fin de mes cobra "sobre 1.300 euros". E traballando "a tres quendas de noite, mañá e tarde".

Persoal de Finsa protesta ante os servizos centrais da compañía, en Santiago, este 20 de maio CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

"Temos -resumen- horarios de médico de urxencias", pero salarios "de persoa que traballa de luns a venres con mellores horarios". E todo isto, subliñan, nunha empresa "referente no sector" na que "historicamente" a xente "quería traballar e quedar". "Pero agora, o que entra é porque non atopa nada".

"As tensións entre a empresa e a parte social van a máis"

"Queremos que Finsa sexa un sitio bo para traballar, que se poida presumir de estar aquí" e para iso, subliñan, cómpre "emprego de calidade". "Imos seguir tentando que a empresa se ateña a razóns" e en caso contrario, advirten, "tomaremos as accións que sexan necesarias". 

Este vindeiro xoves, día 23, está previsto que representantes sindicais e empresa volvan sentar negociar. Así e todo, advirte en declaracións a Praza.gal Joaquín Crujeiras, secretario do comité de empresa de Finsa Santiago, "as tensións entre a empresa e a parte social van a máis".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.