Tras a sanción de Competencia a Naturgy pola manipulación de prezos da luz en 2019, Facua denunciou a empresa na Fiscalía da Audiencia Nacional, que agora se querela contra a eléctrica
Naturgy manipulou o prezo da luz para aumentar indebidamente os seus ingresos durante case dous anos, incluíndo os primeiros nove meses da pandemia da COVID-19. E fíxoo utilizando a central térmica de ciclo combinado que explota en Sabón. É a conclusión á que chegou en 2023 a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e que agora comparte a Fiscalía, que vén de interpoñer unha querela contra a eléctrica.
Como vén informando Praza.gal, tras a sanción de Competencia a asociación Facua - Consumidores en Acción decidiu denunciar o caso ante a Fiscalía da Audiencia Nacional, que en agosto do ano pasado abriu dilixencias ao respecto. Tratábase de aclarar se había motivos para ir pola vía xudicial contra a antiga Gas Natural - Fenosa máis alá dos 6 millóns de multa e os 35,5 de indemnización que ditaminou a CNMC. E o Ministerio Público considera que si.
Como destaca Facua, a propia Fiscalía ratifica nun comunicado a interposición da querela polo "incremento abusivo dos prezos de produción eléctrica na central térmica de ciclo combinado de Sabón 3 dende marzo de 2019 a decembro de 2020". O que inclúe, destaca, "a situación de crise económica e social derivada dos efectos" do coronavirus.
Competencia salientara que a antiga Fenosa se aproveitou das "circunstancias de mercado propias de Galicia" e a Fiscalía subliña que tamén o fixo en plena crise da COVID para obter "un beneficio inxustificado de 43,2 millóns"
As pescudas desenvolvidas durante case un ano levan a Fiscalía a concluír que "Naturgy Generación S.L. abusou da súa posición dominante no mercado eléctrico de axustes técnicos". Ese mercado é o que ten como función resolver posibles problemas no sistema eléctrico, como falta de produción ante picos de demanda.
O que fixo Naturgy "de modo consciente e deliberado" foi presentar ao mercado eléctrico ofertas "a prezos non equitativos e moi por riba dos resultantes en contornas de maior competencia". Competencia xa advertira de que, ademais, a empresa se aproveitara das "circunstancias de mercado propias de Galicia".
O resultado desa conduta, considera a Fiscalía, foi que a eléctrica conseguiu naquel tempo "un beneficio inxustificado de 43,2 millóns de euros". Esas ganancias adicionais foron o resultado "dun sobrecusto para as entidades comercializadoras", as empresas que venden a enerxía eléctrica xerada na central, "e, en último termo, para os consumidores".
Facua presentou a denuncia que agora desemboca nunha querela da Fiscalía ao considerar que, alén da sanción de Competencia, Naturgy "puido incorrer nun delito contra o mercado e os consumidores". O Código Penal, lembra, contempla penas de prisión de 6 meses a 6 anos, multas de dous a cinco anos ou de ata o triplo do beneficio obtido por este tipo de accións.