O PP censura que membros de Galiza Nova participasen nunha protesta contra unha homenaxe a Fraga na USC e afirma "non tolerar" que "o Bloque traslade ese tipo de actitudes tan habituais nas súas asambleas a actos en honor a políticos do PP en xeral e da talla de Manuel Fraga en particular". Ademais, esíxelle aos nacionalistas "unha desculpa" á familia de Fraga.
Fálase
O Museo do Pobo Galego homenaxea esta tarde a Isaac Díaz Pardo, membro fundador e presidente do seu Padroado. O acto público comezará ás sete e media e nel intervirán Rosa Aneiros, Inma López Silva, Charo Portela e Luz Pozo Garza. Tamén se proxectatá o vídeo Isaac Díaz Pardo, Memoria do compromiso, de Xaime Fandiño. Amosámosvos un fragmento do vídeo realizado por O tempo da memoria.
A Cámara galega aprobou por unanimidade unha proposición para reclamar a Novagalicia Banco a "amortización" inmediata das participacións preferentes nun prazo "máximo de dous meses". Como xa avanzou Praza, NGB precisa dun cambio normativo para poder facer un cambio das preferentes por outros produtos como accións.
Os tres grupos do Parlamento galego pactan unha declaración institucional en lembranza das vítimas do holocausto perpetrado polos nazis. "Manifestamos o noso máis firme compromiso cos dereitos inalienables da persoa e coa liberdade para que non se volva repetir unha tolemia semellante", di o documento.
O estadio de Saint Denís, en París, ofrécese para acoller a final da Copa do Rei entre o Barça e o Athletic de Bilbao. En Vilaweb.
En Portugal, os directivos hospitalarios poderán seguir cobrando máis ca o primeiro ministro, cunha excepción semellante á lei galega de Administración Pública. No Diário de Notícias
Por primeira vez en dous anos e medio, a economía da eurozona padeceu unha caída da actividade de tres décimas no cuartro trimestre de 2011. As medidas de austeridade por, entre outras causas, a crise da débeda, está a pasar seria factura ao proxecto de moeda común. Máis información no Jornal de Negócios
Holanda e Italia entran oficialmente en recesión. A caída do PIB italiano de medio punto porcentual, sumada á rexistrada no terceiro trimestre de 2011, constata as consecuencias dunha austeridade moi profunda e dunha Europa que non dá atopado a solución aos seus problemas. Máis información no Corriere della Sera
A taxa de variación do Índice de Prezos de Consumo (IPC) foi do -1,1%, debido principalmente ás rebaixas, ao descenso das tarifas telefónicas ou ao mantemento do prezo do tabaco. En comparación interanual a variación foi do -0,4%. O indicador queda en xaneiro no 2%, e dúas décimas máis (2,2%) en Galicia
A economía alemana sufriu unha caída de dúas décimas no último trimestre de 2011. En comparación interanual, o Produto Interior Bruto (PIB) avanzou un 1,5%. Neste enlace está toda a información do organismo estatístico oficial de Alemaña, o Destatis.