Esta mañá coñécense os datos das persoas inscritas nas oficinas de emprego, as únicas que teñen "interese" en atopar traballo segundo o presidente da Xunta, que a pasada semana desdeñou a EPA como indicador do desemprego malia ser o índice de referencia internacional.
Fálase
O tenente de alcalde da Coruña, Julio Flores, imputado na Pokémon, cualifica de "vago e inútil" ao voceiro local de EU, César Santiso, por pedirlle explicacións ao respecto no pleno municipal. Recólleo Faro de Vigo
A voceira do PP, Paula Prado, retoma hoxe a súa axenda ante a prensa para presentar xunto a Rueda e Millán Mon a campaña electoral europea do seu partido, da que é directora.
O perito da aseguradora de Renfe tamén ve fallos de seguridade en Angrois. É o terceiro que realiza esta indicación. Cóntao El País.
O Festival Mozart da Coruña non se celebrará este ano por falla de financiamento. O evento operístico sumaba quince edicións e xa no pasado exercicio non puidera contar con representacións.
O presidente da patronal ve "un erro" reclamar empregos de calidade. Fernández Alvariño lanzou unha "mensaxe de optimismo" sobre a situación económica de Galicia.
Compromiso por Galicia fai público o seu orzamento para a campaña das europeas. Gastarán 49.610 euros, dos que case 22.000 proceden de recursos propios, 6.000 de doazóns de simpatizantes e militancia e 21.800 de "anticipo electoral" doa coalición na que participan con PNV, CiU e CC. A formación galeguista agarda que outras forzas realicen tamén "este exercicio de transparencia".
Ás 11 desta mañá preséntase en Compostela a plataforma Avante Galiza!, na que representantes de diferentes ámbitos sociais apoian a candidatura do BNG ás eleccións europeas.
O voto da mocidade inclínase cara á esquerda, segundo unha enquisa de Metroscopia para a Cadena Ser. A maioría dos menores de 35 anos optan polo actual Estado autonómico.
A Garda Civil rexistra Adif por presunta malversación de fondos nas obras do AVE entre Madrid e Barcelona. Cóntao El País