O lume achegouse este mércores a un núcleo habitado en Vilardevós. Outro incendio, en Oseira, queimou 170 hectáreas dende o luns.
Fálase
A pesar da derrota de Rajoy na investidura, Pedro Sánchez é o protagonista das portadas da prensa de papel, que incrementan a presión sobre o PSOE para que permita gobernar ao PP.
O Congreso rexeita a investidura de Rajoy como presidente do Goberno. PP, Ciudadanos e Coalición Canaria suman só 170 votos a favor, fronte a 180 en contra e ningunha abstención. O venres pola tarde volverase votar. Mentres, xa comezou a contar o prazo para que, se en dous meses non hai investidura, se convoquen novas eleccións.
Dilma Rousseff, apartada definitivamente da presidencia do Brasil. Michel Tener continuará á fronte do goberno logo de triunfar o impeachment no Senado por 61 votos a favor.
Touradas fóra de Pontevedra reclama un ano máis a supresión do convenio (de 38 mil euros) que o Concello mantén cos propietarios da praza de touros da cidade, xustificado para a utilización do recinto durante a Feira Franca, que se celebra este 2 e 3 de setembro. Son "recursos que axudan a manter un negocio [as touradas] que non se sustentaría se tivese que vivir en exclusiva do movemento económico que xera"
O Colexio de Xornalistas ofrécese a organizar un debate entre os/as candidatos/as que optan á presidencia da Xunta. O CPXG poñerase en breve en contacto coas oficinas das distintas forzas para materializar a proposta e fixar un lugar e día para celebrar o encontro.
Comeza a súa intervención no pleno de investidura Alexandra Fernández, voceira de En Marea no Congreso. Carga a partes iguais contra Rajoy e Feijoo e destaca que o presidente da Xunta é “un alumno avantaxado no cumprimento dos dogmas neoliberais” e “o campión dos recortes”, citando os problemas da sanidade viguesa ou as deficiencias na xestión do monte e na loita contra o lume. Engade que o PP "corrompeuse por riba das súas posibilidades"
Pablo Iglesias dálle as grazas a Pedro Sánchez por non facilitar un goberno do PP e anímao a "decidirse" e apostar por unha alternativa. "Sabemos que é difícil pero estamos dispostos a intentalo", di Iglesias, "como fixemos en moitas comunidades e concellos e como moi pronto espero que o fagamos en Galicia".
Na súa intervención, Pablo Iglesias dirixiuse a Rajoy sinalando que "ata a vostede o escandalizaron prácticas do seu partido en Galicia, onde levan de candidato ao amigo dun narcotraficante". Noutro momento do discurso, enumerando casos de corrupción do PP, o líder de Podemos referiuse tamén a Baltar.