Falece o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro (PP), aos 68 anos, segundo confirma o seu partido. Pereiro, rexedor deste concello dende 1999, levaba varios días hospitalizado por mor do agravamento do seu estado de saúde.

Falece o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro (PP), aos 68 anos, segundo confirma o seu partido. Pereiro, rexedor deste concello dende 1999, levaba varios días hospitalizado por mor do agravamento do seu estado de saúde.
Pedro Sánchez asegura que España pasa a "recoñecer" a Juan Guaidó como "presidente encargado de Venezuela" como titular da Asemblea Nacional dese país. Confirmouno nunha comparecencia sen preguntas no Palacio de La Moncloa, na que asegura que esta é unha postura "consensuada" na UE e co "horizonte" de "convocar unhas eleccións no menor prazo de tempo posible".
As inscricións nas oficinas de emprego aumentaron en 5.505 persoas en Galicia o pasado xaneiro ata as 174.800. Son 15.086 menos que un ano antes. No mesmo mes a afiliación á Seguridade Social descendeu en 13.737 persoas e a cifra total queda en 992.370, o que supón 18.909 máis que en xaneiro de 2018. Máis información, hoxe en Praza.gal
Nicolás Maduro afirma que Venezuela está a "prepararse" para unha eventual intervención militar comandada polos Estados Unidos. Afirmouno nunha entrevista no programa Salvados de laSexta, na que advirte á Administración Trump de que podería enfrontarse a "outro Vietnam" ou "outro Iraq" no país e instou a Pedro Sánchez a non secundar esa postura.
Esta fin de semana viralizouse nas redes sociais esta imaxe de @YoliVidal dun mapa que sitúa a Galicia en Cataluña (e viceversa). O mapa, que se atopa no pub compostelán Medusa dende hai tempo, é unha creación de Xesús Carballido.
Diego Calvo, presidente do PP da Coruña, amósase disposto a pactar con Vox nos concellos galegos tralas eleccións do vindeiro mes de maio. Calvo afirmou nunha entrevista na Cadena Ser que o PP "non fai cordóns sanitarios a ninguén". "Se hai que pactar con algúen, ponse enriba da mesa unha serie de puntos e se podemos converxer, facémolo", engadiu.
50 voluntarios e voluntarias das Brigadas Deseucaliptizadoras plantaron 1.000 árbores autóctonas na contorna dunha turbeira nos montes de Froxán (Lousame), coincidindo co Día Mundial das Zonas Húmidas, destacando a importancia destes espazos "na conservación da biodiversidade e da loita contra o cambio climático". "É un cambio de paradigma: en vez de queixarnos polos incendios, ábrense vías para que a xente tente transformar o monte", dicíannos nesta entrevista.
O centro social compostelán da Gentalha do Pichel celebrou este sábado o seu 15 aniversario cun acto no Museo do Pobo Galego. Isto foi o que nos contaban na conmemoración do seu décimo aniversario: "Com a tenacidade das formigas atingimos êxitos humildes mas reais"
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou este sábado na Convención Rexional sobre Europa do Partido Socialista Portugués, un foro no que se fixo fincapé na importancia da cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal. Caballero destacou o traballo dos gobernos socialistas de España e Portugal, "cunha axenda social compatible coa recuperación económica"
Continúa a medrar a incidencia da gripe en Galicia. Dende o inicio da tempada da enfermidade, declaráronse 467 ingresos nos hospitais do país (274 xa de alta), con 9 mortes. En 8 dos casos os falecidos non estaban vacinados.