O PP volve vetar a investigación sobre Angrois que pedían AGE e BNG. Desta volta os conservadores nin sequera permiten que se debata en pleno a posibilidade de crear unha comisión sobre o accidente e teiman en que o Parlamento non ten competencias, contradicindo así o Regulamento da Cámara.
Fálase
O Goberno quere cambiar a Lei de Estranxeiría para facer legais as expulsións inmediatas de inmigrantes, ou devolucións en quente. Até agora, a lei esixe emprestar asistencia xurídica, ofrecer un tradutor e permitir que pidan asilo político.
Detidas en Sochi, acusadas dun "roubo nun hotel", María Aliojina e Nadezhda Tolokónnikova, ex integrantes das Pussy Riots, que foran liberadas da cadea o pasado mes de decembro.
Prisa confirma o relevo na dirección de El País. Antonio Caño substituirá a Javier Moreno no mes de maio. En El Diario
#OperaciónPatos O edil de Obras de Nigrán, entre os detidos por presuntos delitos de prevaricación, suborno e tráfico de influencias. O TSXG confirma 17 rexistros en domicilios, en locais das empresas Cespa e Eiriña, na delegación da Xunta en Vigo, na Deputación de Pontevedra, nos concellos de Pontevedra, Vigo, Santiago, Ourense, Nigrán e Ponteareas, no Consorcio Casco Vello de Vigo e na Autoridade Portuaria viguesa.
A Policía Nacional leva contratos do Concello de Santiago coa empresa Cespa. A investigación instrúea un xulgado de Vigo e tamén afecta ao Concello de Ourense, ao de Ponteareas e á Deputación de Pontevedra. A operación sáldase xa con cinco persoas detidas, entre elas un concelleiro, segundo Europa Press.
Somos ninguén traduce unha entrevista de Zoe Williams a George Lakoff publicada en The Guardian. Lakoff critica os pregresistas: “Non comprenden o seu propio sistema moral nin o dos outros, non saben sobre enmarcado, non saben até que punto a emoción é racional, tratan de agachar as súas emocións. Fan todo mal porque están mal educados. E están orgullosos desa mala educación"
Un artigo en The New York Times critica os hábitos de vida dos españois e "as ceas ás dez da noite" e propón que España se axuste aos horarios do resto de Europa, e que mude a súa hora para acompasala co sol, ao igual que no Reino Unido e Portugal.
Gizmodo entrevista o avogado Javier de la Cueva sobre o proxecto da nova Lei de Propiedade Intelectual, que cualifica de "disparate" porque, entre outras cousas, "vai deixar que unha asociación privada, CEDRO, se apropie da investigación científica nas Universidades", unha medida que xulga máis importante que a máis comentada taxa Google.
O Deportivo aclara que foi a policía quen decidiu non retirar as bandeiras filonazis que penduraban Riazor despois de examinalas. O presidente Tino Fernández asegura que se retirou a faixa a favor do aborto libre e gratuito porque "non se permiten mensaxes extradeportivas".