O Concello da Coruña informa que o anterior goberno gastou ata xuño un 26% máis sen que subisen os ingresos e que o saldo pendente de pago creceu un 172%. As cifras, di o executiva da Marea Atlántica, confirman a "pésima xestión" que deixa o Concello "nunha delicada situación económica e con graves problemas de liquidez".
Fálase
Juan Carlos González Santín presenta a súa candidatura para presidir a Deputación de Lugo. O secretario xeral do PSdeG lucense destaca que o fai para "ampliar o legado de Besteiro" e dende o "profundo respecto" ao outro candidato, Manuel Martínez. A votación celebrarase este xoves en Lugo.
Manuel Guede dimite como director do Centro Dramático Galego. Cesa no seu posto "a petición propia e por motivos persoais", segundo vén de informar a AGADIC nun comunicado.
Unió abandona o Govern catalán, aínda que pretende manter as alcaldías. A crise en CiU estoupa tras o referendo celebrado por Unió a pasada fin de semana.
Quince detidos en Madrid, Valencia e Toledo polo asasinato de Jimmy, ultra do Deportivo falecido en Madrid o pasado 30 de novembro. Máis información, hoxe en Praza Pública.
Xosé Manuel Beiras, Alberto Garzón, Juan Carlos Monedero e Inés Sabanés debateron onte en Carne Cruda sobre a candidatura de confluencia para as eleccións xerais.
Costas facilita o camiño para que ENCE consiga unha prórroga que lle permita manter a súa actual ubicación máis aló de 2018. Establece unha caducidade parcial da concesión en Lourizán, pero esta non afecta ao núcleo da planta, senón á depuradora, e insta á Xunta a legalizala.
Mariano Rajoy anunciará este venres cambios no seu Goberno, unhas saídas e entradas de ministros e ministras nas que non estará Alberto Núñez Feijoo, como este mércores confirman todas as cabeceiras.
AGE e BNG denuncian a súa "exclusión" no pacto acadado por PP e PSdeG-PSOE para situar -a proposta dos populares- a Milagros Otero Parga como Valedora do Pobo, renovar o Consello de Contas e aprobar a designación de José Ramón Gómez Besteiro como senador autonómico.
A supresión da figura dos xuíces eméritos, que ata agora podían traballar ata os 75 anos, determinará unha maioría conservadora na Sala do Social do Tribunal Supremo, ao xubilar seis maxistrados progresistas. Esta sala ditou nos últimos anos varias sentenzas críticas coa reforma laboral.