Anticorrupción pide a Blesa e Rato unha fianza de 15,5 millóns de responsabilidade civil polas tarxetas black de Caja Madrid.
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/xornal/uploads/falase/foto/543fe205de8d9-rodrigo-audiencia-nacional-gdg-g3online_ediima20141016_0716_17.jpg)
Anticorrupción pide a Blesa e Rato unha fianza de 15,5 millóns de responsabilidade civil polas tarxetas black de Caja Madrid.
O BNG reclama a apertura dunha comisión de investigación no Parlamento sobre a presunta fraude en cursos formativos que, segundo a investigación, pode chegar aos 20 millóns. A Policía detivo sete persoas sobre este caso, ligado a empresas do coruñés Gerardo Crespo, entre outras.
As intensas chuvias colapsan amplas zonas de Vigo e outras localidades do sur de Galicia. Recólleo Faro de Vigo (Imaxe: Praza Pública).
PP, PSOE, UPyD e CiU rexeitan no Congreso pedirlle ao Goberno que demande a Israel danos e prexuízos por destruír o aeroporto de Gaza, que foi financiado con fondos públicos españois. A proposición foi presentada polo BNG e contou co apoio da Esquerda Plural, Amaiur e case todo o Grupo Mixto.
Mariñeiros do xeito maniféstanse en Rianxo contra a intención da UE de prohibir a súa arte. A localidade do Barbanza é base da maioría dos xeiteiros de Galicia. Foto de @adolfomuinhos.
Ingresa no Carlos III o pasaxeiro con febre do avión inmobilizado en Barajas. Un contacto de baixo risco coa enferma de ébola tamén foi ingresado no mesmo centro.
Carne Cruda emitirase desde hoxe en Cuac FM. Será todos os xoves entre as 12 e as 14 horas.
Captan gardas civís devolvendo unha persoa a territorio marroquí atada de pes e mans. Recólleo El Diario
Os medios económicos énchense este xoves de análises sobre o risco dunha terceira recesión en Europa en seis anos. Culpan da situación á desrregulación e ás burbullas especulativas, nun escenario de estancamento da economía mundial. As exportacións españolas sofren a súa maior caída en cinco anos e o Ibex-35 segue á baixa, cunha caída do 10% no último mes.
O Tribunal Supremo dá dez días de prazo para que se execute a sentenza do pasado xullo que lle ordena ao Ministerio de Medio Ambiente abrir un expediente de caducidade da concesión de Ence na ría de Pontevedra, que podería estenderse durante varios anos. A entidade Salvemos Pontevedra recorreu aos tribunais hai anos para revisar as concesións na zona marítimo terrestre de Lourizán.