Feijóo viaxa dende este xoves ao Xapón. O DOG publica hoxe que o vicepresidente, Alfonso Rueda, se encargará do "despacho de asuntos" da Presidencia da Xunta ata que Alberto Núñez Feijóo regrese.
Fálase
O ministro do Interior adoita ir rezar ao Valle de los Caídos, segundo conta El Diario. Nos últimos meses Jorge Fernández Díaz suscitou polémicas por, por exemplo, outorgarlle unha condecoración á Virxe ou asegurar que esta "intercede por España" no marco da crise económica.
Fomento lánzase a ampliar a AP-9 e, ao tempo, a construír unha autovía alternativa á autoestrada. Cóntao El País.
AGE ve en Podemos unha "oportunidade" e un "aliado", aínda que afirma que lle restou votos á coalición: "de non ter existido Podemos, o impacto de AGE podería ter sido maior". Martiño Noriega apostou por sumar as forzas de toda a esquerda rupturista.
Adrián Varela dimitiu tras ser chamado a declarar como querelado -figura semellante á imputación- pola denuncia presentada contra el pola CIG por pretender despedir a parella dun traballador por pertencer a esta central sindical. Adiántao Europa Press na súa web.
A vicepresidenta do Parlamento andaluz compara o ascenso de Podemos co de Hitler. A alcaldesa popular de Fuengirola únese ás numerosas críticas á formación de Pablo Iglesias que chegan desde o PP.
Toxo e Méndez denuncian ante o Fiscal Xeral e o Poder Xudicial os procesos contra piquetes. Denuncian que as imputacións non están baseadas na participación persoal dos acusados nos feitos, senón en presuncións xerais.
200 traballadores e traballadoras eventuais reclámanlle ao Sergas unhas condicións máis dignas de contratación, nunha protesta celebrada este martes no Hospital Clínico de Santiago. Denuncian que se "opta por sobrecargar ao persoal de plantilla para tratar de prestar o servizo con menos custes" e advirten "da perda de calidade asistencial que isto pode provocar".
A Real Academia Galega de Ciencias homenaxeará o 16 de xuño a Luis Iglesias no Día do Científico Galego. O estudo dos insectos e a loita contra as pragas agrícolas, na que colaborou coa empresa Zeltia, centraron o labor deste investigador que foi tamén reitor da USC. A súa colección de preto de 6.000 insectos forma parte do Museo de Historia Natural Luis Iglesias, que reabrirá as súas portas proximamente
Crean a Asociación Proxecto Benito Losada para manter o seu legado e continuar proxectos coma o Outono Fotográfico e as Xornadas de Banda Deseñada.