A Mesa denuncia na Eurocámara o incumprimento da Carta Europea das linguas rexionais ou minoritarias por parte do Estado e a Xunta da man da eurodeputada Ana Miranda. A entidade xa advertiu ao Consello de Europa de que o Goberno galego segue a vulnerar os dereitos lingüísticos no país.
Fálase
A Xunta tramita un novo decreto para facilitar a implantación de máis gasolineiras que rebaixen o prezo dos carburantes despois de que o decreto que aprobou en 2015 non lograse avances. O Goberno galego tamén divulga unha Circular de boas prácticas para que esas aperturas non sexan obstaculizadas polos Concellos, aos que atribúe parte do elevado prezo dos combustibles en Galicia.
Feijóo láiase de que a Xunta ten "moitas dificultades para prohibir" un festival musical organizado por colectivos independentistas cataláns no Centro Galego de Bruxelas. "O Goberno galego descoñecía esta actividade e a rexeita", afirmou o presidente na rolda de prensa tras o Consello do Goberno galego, onde admitiu que se trata "dunha entidade privada". O festival 12 hores per la llibertat une a varias bandas na sala La Tentation, espazo cultural do Centro Galego na capital belga que acolle numerosas actividades.
Unha incidencia técnica impediu á TVG emitir en directo durante esta mañá e obrigou á canle pública a substituír a programación habitual por contidos gravados. Tivo ademais que trasladar a emisión do Telexornal a un plató diferente do habitual, segundo detalla a CRTVG nun comunicado.
O Athletic de Bilbao vence no trofeo Teresa Herrera da Coruña tras gañar ao Deportivo por 0-1 no torneo feminino e impoñerse aos penaltis no masculino tras rematar o encontro con empate a 2 goles.
O PPdeG volve atacar a PSdeG e BNG por datos de abandono escolar temperán que inclúen a etapa de Fraga, como xa fixera o pasado febreiro. O líder das Novas Xeracións dos populares galegos afirma que a LOMCE trouxo consigo unha "caída" nese indicador, que reflicte a situación da mocidade que rematou a ESO entre os últimos dous e oito anos, polo que aínda non reflicte os efectos desa lei, non implantada integramente en Secundaria ata o curso 2016-17.
AveLina Pérez e Paula Carballeira gañan os premios Álvaro Cunqueiro de textos teatrais e Manuel María de literatura dramática infantil. É a terceira vez que Carballeira se fai con este recoñecemento. Ambos os dous galardóns entregaranse no marco do Culturgal. O Barriga Verde de textos para monicreques ficou deserto
O Goberno central quere prohibir por lei a homeopatía en centros sanitarios. En Galicia, o Goberno galego admitía, ao iniciar a tramitación dunha nova lei de farmacias, que non quería abrir o debate sobre a súa utilidade. “Non me atrevo a confirmar se é un produto sanitario”, dicía Feijóo en decembro.
O director da Banda de Música de Sober actuará como intérprete solista en tres concertos da Orquestra Sinfónica de Barcelona e Nacional de Catalunya. O galego Miguel Franqueiro será tuba solista da formación catalá nas súas actuacións deste venres, sábado e domingo. (Imaxe: Concello de Sober)
A Asociación Provincial de Hosteleiros da Coruña dedica a portada da súa revista a Beatriz Mato, candidata do PP á alcaldía da Coruña. A publicación trimestral, que se reparte entre máis dun milleiro de asociados, ofrece unha entrevista de catro páxinas coa ex-conselleira.