O Sergas concentra nun único sitio web toda a información sobre o coronavirus. Pódese acceder nesta ligazón
Fálase
O BNG aposta por adiar as eleccións por mor do coronavirus. "Non se dan as garantías para desenvolvelas con normalidade", di Ana Pontón nunha rolda de prensa tamén retransmitida por streaming para evitar o desprazamento do persoal dos medios. "Así o trasladarei na xuntanza do luns" co resto de forzas políticas, avanza a candidata do Bloque. Máis información, hoxe en Praza.gal
O DOG publica a convocatoria das oposicións de Educación mantendo a data de inicio dos exames para o 20 de xuño. Pódese convocar a orde completa nesta ligazón.
Suspendidas as probas de acceso á universidade para persoas maiores de 25 anos por mor do coronavirus. A Comisión Interuniversitaria de Galicia vén de aprobar o adiamento dos exames previstos para mañá, día 14. A nova data, indica, será comunicada "unha semana antes da realización das probas".
A Catedral de Santiago pecha para visitas dende as 12 da mañá deste venres e "ata novo aviso" dentro das medidas de prevención do coronavirus. No seu interior só continuarán as obras de restauración, segundo vén de informar o Cabido compostelán.
As autoridades da China envían a Europa "un lote de subministros médicos" con destino a países como Italia ou España para afrontar o coronavirus. Inclúe "1,8 millóns de máscaras de protección e 100.000 reactivos", especifica a embaixada chinesa. Na imaxe, divulgada polo Goberno chinés, o avión cos subministros ao chegar a Liexa (Bélxica)
Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos e candidato de Galicia en Común á Xunta, anuncia que inicia corentena por coronavirus malia "non ter síntomas" e por prevención por mor do contacto con outros membros do grupo de Unidas Podemos no Congreso, aclaran dende a formación, ata coñecer o resultado da proba sobre a doenza.
As tres universidades galegas suspenden todas as actividades docentes presenciais desde este venres, secundando a decisión tomada pola Xunta para o resto do ensino non universitario.
O Goberno central confirma que a ministra Irene Montero deu positivo por coronavirus e que o vicepresidente Pablo Iglesias está en corentena por precaución. Todos os membros do Executivo serán sometidos ás probas, agrega nun comunicado.
Trump anuncia a suspensión de voos dende Europa, pero non dende o Reino Unido, como medida contra o coronavirus. O presidente dos EUA especifica que a medida durará dúas semanas e atinxe a persoas que non teñan a nacionalidade nese país.