As tres universidades galegas suspenden todas as actividades docentes presenciais desde este venres, secundando a decisión tomada pola Xunta para o resto do ensino non universitario.
Fálase
O Goberno central confirma que a ministra Irene Montero deu positivo por coronavirus e que o vicepresidente Pablo Iglesias está en corentena por precaución. Todos os membros do Executivo serán sometidos ás probas, agrega nun comunicado.
Trump anuncia a suspensión de voos dende Europa, pero non dende o Reino Unido, como medida contra o coronavirus. O presidente dos EUA especifica que a medida durará dúas semanas e atinxe a persoas que non teñan a nacionalidade nese país.
Feijóo anuncia a convocatoria dunha xuntanza para o luns 16 "cos principais partidos galegos" para "seguir compartindo a información que se nos traslade sobre o coronavirus" por parte do Goberno de España "e o estado da situación en Galicia". Este encontro fora reclamado por líderes de forzas políticas como Ana Pontón (BNG), onte, ou este mesmo mércores Gonzalo Caballero (PSdeG) e producirase tras unha videoconferencia, o sábado, con Pedro Sánchez e as presidencias das demais autonomías.
A Federación Galega de Fútbol suspende todas as competicións dela dependentes durante as dúas próximas semanas. Tras decretar a Federación Española e o Consejo Superior de Deportes a suspensión das competicións de rango estatal polo coronavirus, a galega fai o mesmo a partir deste xoves no seu ámbito en fútbol, fútbol sala e fútbol gaélico.
O lehendakari admite que o Goberno vasco estuda as vías legais dun eventual adiamento das eleccións polo coronavirus. "É unha decisión que debe tomar a Xunta Electoral" a partir de criterios de saúde pública, advirte. A convocatoria dos comicios vascos por parte de Urkullu para o 5A precipitou de vez o anticipo dos galegos para a mesma xornada. Feijóo abriu tamén a porta a unha posible suspensión.
As baixas por illamento a causa do coronavirus serán consideradas accidente laboral dende mañá. Civio explica os detalles do decreto publicado este mércores no BOE con estas e outras medidas, como as relativas ao subministro de material sanitario.
O Sergas confirma 27 casos de coronavirus en Galicia e outros 3, "pendentes de confirmación". Ampliamos a información das novas medidas de prevención anunciadas por Sanidade neste espazo de Praza.gal
A Federación Galega de Fútbol confirma que, seguindo as recomendacións sanitarias contra o coronavirus, "todas as competicións e eventos profesionais e non profesionais, xogaranse tamén en Galicia a porta pechada ata novo aviso". Nesta ligazón, lista completa das categorías atinxidas
A Liga de Fútbol Profesional anuncia que os partidos de, cando menos, as dúas vindeiras xornadas de Primeira e Segunda serán disputados a porta pechada para previr o coronavirus. No caso dos estadios galegos nestas categorías, a medida atinxe ao Celta-Villareal previsto para o vindeiro día 14 en Balaídos, ao Deportivo-Sporting do mesmo día en Riazor e ao Lugo-Zaragoza do día 22 no Anxo Carro. (Imaxe: RC Celta)