Comezan a caer unhas primeiras pingueiras de chuvia en Baiona, aínda con 24 graos centígrados pasadas as dúas da madrugada e cos incendios controlados pero aínda preto das casas.
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/xornal/uploads/falase/foto/59e3fe839ce41-baina.jpg)
Comezan a caer unhas primeiras pingueiras de chuvia en Baiona, aínda con 24 graos centígrados pasadas as dúas da madrugada e cos incendios controlados pero aínda preto das casas.
Os incendios seguen a provocar cortes de tráfico e dificultades para circular por numerosos puntos da rede viaria. Nesta ligazón, a información ao vivo.
O incendio que atinxe aos montes de Coruxo obriga a cortar a estrada PO-552 entre Vigo e Baiona á altura das curvas das Roteas. A Dirección Xeral de Tráfico informa en tempo real dos cortes na rede viaria.
Feijóo defende que "o problema non son os medios" para extinguir os incendios, senón "o vento". En declaracións á Radio Galega o presidente da Xunta resalta que "nunca houbo tantos medios" de extinción, pero que a gran "actividade incendiaria", as condicións meteorolóxicas e "asumir os incendios que veñen do país veciños" están a "imposibilitar o control, en Galicia e en calquera lugar do mundo".
Dez colexios e institutos de Baiona, Vigo, Pazos de Borbén, As Neves e Gondomar suspenden as clases este luns por mor dos incendios. A Xunta vén de actualizar o listado
A conselleira de Medio Rural cifra en 125 os incendios que afectan a Galicia neste domingo. Ángeles Vázquez admite en declaracións á TVG que as "circunstancias" están a "sobrepasar" o dispositivo de loita contra o lume.
Os bombeiros de Vigo traballan na extinción de focos que afectan a barrios da cidade. Follas secas de árbores a arder espallan as faíscas polas rúas viguesas.
O conselleiro de Sanidade insta a "deixar o domicilio, en caso de dúbida" ás persoas residentes en contornas afectadas polo lume. Son declaracións de Jesús Vázquez Almuíña á TVG.
Veciñanza do barrio vigués de Navia organiza cadeas humanas para tentar apagar o lume que atinxe á contorna con baldes de auga. (foto: @anamirandapaz).
A Universidade de Vigo confirma a suspensión das clases no campus vigués este luns por mor da vaga de incendios. Nun comunicado oficial a institución académica informa de que "as instalacións do campus universitario vigués nestes momentos non están a resultar afectadas polo lume"