"O seu lazo, señor presidente". O BNG bota man de declaracións de Casado e Feijóo sobre as mulleres e o feminismo para animar a secundar as mobilizacións do 8M. A formación presentou hoxe a súa campaña para esta xornada reivindicativa.
Fálase
Uxía interpretará mañá o himno galego antes do inicio do derbi entre o Obradoiro e o Breogán no Fontes do Sar (18:00). A cantante estará acompañada por Sérgio Tannus e Santi Cribeiro.
CCOO tamén rexeita a nova proposta do Sergas para a Atención Primaria por ser "pouco ambiciosa e sen concrecións". O sindicato lembra que a proposta limítase a introducir medidas "xa recollidas en distintas leis e normas que están ou deberan estar en funcionamento".
Pachi Vázquez, ex-secretario xeral do PSdeG, anuncia a creación dun novo partido chamado Espazo Común para as eleccións municipais na provincia de Ourense. O actual líder dos socialistas, Gonzalo Caballero, resta importancia á operación, que ve como propia "do Entroido".
Alexandra Fernández anuncia que non repetirá como candidata ao Congreso. A ata agora deputada de En Marea sinala que, "tras unha profunda reflexión" se dispón a "poñer fin a unha etapa dura e intensa". "Tiven moi claro dende o primeiro momento que o meu tempo na política institucional había ser limitado" e "por iso sempre tiven presente a necesidade de retomar a miña carreira". "Volvo a ela, mantendo o meu compromiso militante dende a base", resume nun comunicado feito público nas súas redes sociais.
Falece o histórico dirixente do PNV Xabier Arzalluz aos 86 anos de idade. A formación nacionalista vasca despide con "máxima tristura" a "unha persoa, un jeltzale e un abertzale exemplar". Arzalluz presidiu o PNV ata 2004.
O Marisquiño confirma que se volverá celebrar en Vigo, outra volta no Paseo das Avenidas, tras confirmar o "apoio" de institucións e marcas privadas ao festival. A organización confirma ademais a celebración das principais probas deportivas do evento.
A Gala dos Mestre Mateo estará este ano máis viva ca nunca en Twitter. A Academia Galega do Audiovisual vén de desvelar que tuiteiras e tuiteiros acompañarán o vindeiro sábado nesta rede social a entrega dos galardóns do audiovisual galego, nos que A sombra da lei e Trote son os filmes con máis candidaturas.
O PP incluirá no seu programa para as xerais a promesa de que o persoal das Administracións públicas en Galicia, Euskadi ou Catalunya non teña que entender galego, euskera ou catalán, na liña do defendido por Ciudadanos nos últimos meses. Segundo a información que adianta El Mundo, os de Casado establecen unha suposta diferenza entre castelán e linguas "cooficiais", en referencia ao resto de idiomas, que non serían "requisito excluínte".
Condenados un garda civil e un ex-axente deste corpo por inxuriar as maxistradas Pilar de Lara e Estela San José en foros dunha web administrada pola Asociación Unificada de Gardas Civís. Segundo a sentenza do Xulgado do Penal número 1 de Lugo, un dos acusados terá que pagar unha multa de 5.400 euros e o outro, 2.400. Ademais, informa o TSXG, terán que pagar indemnizacións ás afectadas, das que ten que responder a devandita asociación.