O mundo da cultura, da universidade e organizacións sociais de toda Galicia manifestaron o seu apoio á folga xeral do vindeiro 29 de marzo nun acto celebrado no Mupega. Conducido polo actor Cándido Pazó, varias personaxes importantes da cultura galega deron lectura aos apoios recibidos ao paro.
Fálase
Méndez e Toxo instan o Goberno central a "aproveitar a oportunidade" da folga xeral para modificar unha reforma laboral que definiron como "chapapote" e que supón a "demolición" dos dereitos dos traballadores.
Folga en Iberia. Os pilotos da compañía convocan folga todos os luns e venres desde o 9 de abril ata o 20 de xullo, ambos os dous incluídos. O novo calendario de paros inclúe 28 novas datas e acaba de ser anunciado nunha asemblea na que os pilotos votan o seu apoio á sección sindical.
O BNG leva á UE a suba da luz. O Bloque, a través da súa eurodeputada Ana Miranda, solicita á Comisión Europea que promova o desenvolvemento dunha normativa que evite situacións como a que "obriga aos cidadáns do Estado español a pagar a factura de electricidade máis elevada da Unión Europea", xa que os custes por kilovatio son "moi superiores tanto á media comunitaria como á que pagan cidadáns de países cun nivel de renda e niveis salarias máis altos".
Nova xornada de mobilizacións en Atento. Os traballadores continuaron este luns na Coruña coas protestas en contra das reducións de xornada para o persoal do servizo CAT- ADSL, que actualmente xa ten contratos a tempo parcial.
Leo Bassi asegura a través do Facebook que o seu espectáculo en Santiago se celebrará noutro emprazamento. A montaxe, prevista no Teatro Principal, "non estaba subvencionada", subliña o cómico. O alcalde de Santiago argumenta a cancelación sinalando que o italiano lle produce "especial repugnancia".
A Xunta pide ao Banco de España que "non discrimine" a Novagalicia Banco. A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, reclamoulle que dea un trato "igualitario, non discriminatorio" a NCG, respecto do que deu a outras entidades estatais. "Novagalicia segue co seu plan de recapitalización e segue a liña que xa seguiu nos últimos meses", aclara.
O Ministerio de Educación inclúe o seu logotipo nun documento da Fundación Faes, que preside José María Aznar, no que se carga contra as competencias autonómicas en materia económica e comercial. Asínao un membro da CEOE. Podedes consultalo aquí.
Montoro anuncia "reformas parciais en grandes impostos". O ministro de Facenda e Administracións Públicas asegura que os Presupostos Xerais do Estado, que se aprobarán o venres, poden incluír "reformas parciais dentro dos grandes impostos" e "contribucións máis equilibradas e mellor ponderadas entre os axentes económicos".
O conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, acusa a Blanca Cendán de mentir e asegura que o seu cese se debeu a "cuestións de índole de eficiencia, de xestión, de organización e de actitudes". Engadiu que o seu departamento se negou a cederlle o Salón Teatro aos traballadores das artes escénicas para un acto reivindicativo con motivo do Día do Teatro porque "un teatro é a casa da cultura e da arte" e por iso, debe utilizarse "para o teatro e as exposicións".