O Tribunal Superior anula o intento da Xunta de elixir por libre designación catro xefes de servizo de Sanidade e o Sergas. O TSXG, nunha sentenza agora divulgada, atende un recurso presentado por CCOO contra a modificación da relación de postos de traballo aprobada polo Goberno galego en xullo do ano pasado porque non xustificou as razóns polas que eses postos teñen que ser cubertos a dedo e non cun proceso selectivo.
Fálase
O PP abstense na condena ao franquismo no Senado porque para secundala esixía pedir a prohibición de "ideoloxías populistas" e de organizacións comunistas. Ciudadanos, UPN e Foro Asturias tamén se abstiveron nesta moción do PSOE, que saíu aprobada.
Fillas e fillos de mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas serán indemnizadas pola Xunta, segundo anunciou o vicepresidente Rueda no Parlamento.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia comeza a tramitar o recurso de Antón Sánchez (En Marea) contra a Xunta por non lle entregar documentación sobre a fusión de Caixa Galicia e Caixanova que vén reclamando dende o ano 2013. Entre os papeis reclamados figura a "carta de encargo" do Goberno galego á consultora KPMG, autora do informe sobre a fusión que a Xunta presentara como "auditoría" malia non ser tal.
António Costa, primeiro ministro luso, arrefría o AVE Lisboa-Madrid e abre a porta a outras conexións máis necesarias para Portugal nunha entrevista coa axencia EFE co gallo da Cimeira Ibérica que se celebra este mércores en Valladolid. “Temos que dar tempo ao tempo para que a inserción de Portugal na rede de alta velocidade na Península Ibérica se faga realidade e non necesariamente nesa conexión de Lisboa-Madrid, tal vez por outros camiños aos que necesitamos chegar máis apresa”, di. A Cimeira Ibérica de Valladolid é a trixésima, das que dez se celebraron na Meseta, oito en toda a Eurorrexión e só dúas en Galicia.
A Iniciativa Lexislativa Popular polo bosque autóctono non seguirá tramitándose no Parlamento. O PP votou en contra no debate de toma en consideración da iniciativa, mentres que o PSdeG se abstivo e En Marea e mais o BNG votaron a prol. Entre as súas medidas figuraba a implantación dunha moratoria á expansión do eucalipto.
O BNG presenta un escrito na Delegación do Goberno esixindo que o Estado presente "con urxencia" a demanda civil "para recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público galego". O Executivo central encargou un informe á súa asesoría xurídica na busca da fórmula máis acaída para a recuperación.
A ministra de Transición Ecolóxica ratifica que a continuidade ou non das centrais térmicas depende de que cumpran "a normativa medioambiental da UE". Así llo confirmou ao alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que preguntou a Teresa Ribera polo caso da central pontesa.
Galicia disporá dun servizo de psicoloxía de garda para vítimas da violencia machista. O Colexio de Psicoloxía vén de asinar coa Secretaría Xeral de Igualdade o convenio para poñelo en marcha.
O xuíz Manuel Marchena renuncia a presidir o Consello do Poder Xudicial e o Supremo, como acordaran PP e PSOE no marco do seu pacto para renovar o máximo órgano do Poder Xudicial. O anuncio prodúcese tras transcender mensaxes nas que o voceiro do PP no Senado, ex-director da Policía, se gababa do control de áreas clave do Supremo grazas a este acordo.