O BNG presenta un escrito na Delegación do Goberno esixindo que o Estado presente "con urxencia" a demanda civil "para recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público galego". O Executivo central encargou un informe á súa asesoría xurídica na busca da fórmula máis acaída para a recuperación.
Fálase
A ministra de Transición Ecolóxica ratifica que a continuidade ou non das centrais térmicas depende de que cumpran "a normativa medioambiental da UE". Así llo confirmou ao alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que preguntou a Teresa Ribera polo caso da central pontesa.
Galicia disporá dun servizo de psicoloxía de garda para vítimas da violencia machista. O Colexio de Psicoloxía vén de asinar coa Secretaría Xeral de Igualdade o convenio para poñelo en marcha.
O xuíz Manuel Marchena renuncia a presidir o Consello do Poder Xudicial e o Supremo, como acordaran PP e PSOE no marco do seu pacto para renovar o máximo órgano do Poder Xudicial. O anuncio prodúcese tras transcender mensaxes nas que o voceiro do PP no Senado, ex-director da Policía, se gababa do control de áreas clave do Supremo grazas a este acordo.
Unha persoa morre e outras 6 resultan feridas no descarrilamento dun tren de proximidade en Catalunya por mor dun desprendemento de terras. Está a contalo TV3.
A sentenza pola denuncia do comité europeo de Alcoa non se coñecerá até o 3 de decembro. O xuíz de Rótterdam non adoptou medidas cautelares fronte aos despedimentos.
Abel Caballero anuncia que o acendido das luces de nadal de Vigo será este sábado día 24 ás 19.30 horas. “O alcalde de Nova York terá que poñer gafas de sol”, chancea, e engade que “os de Vigo non temos que mercar gafas de sol porque como as luces son nosas non nos fan dano”. O rexedor vigués di que agarda “milleiros” de visitantes ese día e prepara un plan especial de tráfico. Colectivos da cidade xa criticaron o gasto nesa decoración.
A Fundación Franco divulga un listado de misas polo cabodano do ditador que inclúe unha en 'Ferrol del Caudillo'. Segundo a fundación, a única conmemoración en Galicia será este martes ás 12.30 na igrexa de San Francisco. A misa chega en pleno proceso do Concello por rematar cos vestixios franquistas na cidade.
Os papeis de Bárcenas substraídos por Interior na operación Kitchen inclúen documentación do financiamento en 'B' do PP galego, segundo El Mundo. A existencia dese financiamento irregular foi reiterada a pasada semana no Congreso por Pablo Crespo, ex-secretario de organización do PPdeG e número dous da trama Gürtel, quen afirmou que con eses cartos o partido pagaba "sobresoldos" a "políticos e xornalistas".
O comité intercentros chama á "participación de todo o persoal" na folga que mañá comeza na CRTVG. Culpa do "desmantelamento" á actual dirección, que convocou o comité de folga para unha xuntanza o vindeiro xoves.