Rexeitados os orzamentos da USC no claustro con 94 votos en contra. Máis información, nuns minutos en Praza.
Fálase
O PP pontevedrés cambia o emprazamento do seu congreso provincial de Pontevedra a Silleda. No entorno do partido temíase que ante o acto que vai reelixir a Rafael Louzán se producisen protestas de persoas afectadas polas participacións preferentes.
Unha campaña en change.org solidarízase con Amina Tyler, unha moza de Túnez sobre a que o imam Adel Almi emitiu unha fatua pedindo que sexa lapidada até a morte, por ter feito unha foto co torso espido e pintada nel a frase "o meu corpo é meu e de ninguén máis".
A Universidade de Vigo celebra o seu Consello de Goberno 'blindado' pola seguridade privada ante as protestas de alumnos, profesores e traballadores. Tamén hai concentracións contra os recortes no claustro da Universidade de Santiago. Máis información, esta mañá en Praza.
O BOE publica hoxe o indulto a David Reboredo.
O director da Garda Civil e delegado do Goberno en Galicia en tempos do Prestige, Arsenio Fernández de Mesa, chámalles "heroes" aos gardas civís que lle pasaron por riba a unha embarcación de persoas inmigrantes. Cóntao El Diario.
A Fiscalía acusa de terrorismo a catro membros de Resistencia Galega. Presenta por primeira vez un escrito de acusación e pide entre 12 e 20 anos para eles.
Convocan unha manifestación no barrio compostelán de San Lázaro "a favor" de Ángel Espadas, o ex xefe de gabinete de Conde Roa e antigo concelleiro do PP que permanece encarcerado no marco da operación Manga, derivada da Pokémon. Está convocada por "familiares, amigos e simpatizantes" que coidan que Espadas "non merece" seguir na cadea.
A Universidade de Vigo volveu convocar, despois da suspensión deste xoves, o Consello de Goberno, que comezará ás 9.30 horas. Para esa hora está convocada unha concentración de profesorado asociado, PDI, PAS e estudantado ante a Reitoría.
Stop Desafiuzamentos Ferrolterra demanda que o Concello de Ferrol lle facilite unha vivenda de aluguer social a Verónica, unha rapaza casada e cunha filla menor de idade, que nuns días quedarán sen casa. Este xoves concentráronse ante o Concello.