Mini e Mero confirman a súa separación artística por "diferenzas persoais". Unha información de Jaureguizar para El Progreso

Mini e Mero confirman a súa separación artística por "diferenzas persoais". Unha información de Jaureguizar para El Progreso
Máis da metade das universidades públicas do Estado realizará referendos sobre a monarquía, aos que se uniron os campus de Santiago, A Coruña, Vigo e Ourense. A USC celebrou onte con elevada asistencia a primeira das asembleas para organizar a consulta.
O presidente chinés Xi Jinping inicia unha visita a Madrid e Lisboa, a primeira menos implicada que a segunda na iniciativa de transporte coñecida como a ruta marítima da seda (Iniciativa da Franxa e da Ruta). Hai unhas semanas Xulio Ríos, un dos principais expertos sobre China, lamentaba en Praza.gal a falta de iniciativa de Galicia.
O ministro Borrell, cuestionado tras formalizarse a multa de 30.000 euros da CNMV por uso de información privilexiada na venda de accións de Abengoa, da que foi conselleiro.
O Premio Plácido Castro de Tradución recupera a dotación económica, de 2.000 euros, grazas á colaboración das adegas Terra de Asorei. O certame co nome do histórico galeguista leva desde 2001 premiando as mellores traducións ao galego.
A sonda Insight da NASA logra chegar con éxito á superficie de Marte tras sete meses de viaxe. No sitio web da misión pódese obter información sobre as súas pescudas.
Pontón apela en Uruguai a "recuperar unha esquerda que teña claridade ideolóxica" ante o "rearme brutal da dereita e a extrema-dereita". Afirmouno no marco da xornada Esquerdas: soberanía e globalización, na que a portavoz nacional do BNG participou xunto ao ex-presidente uruguaio José Mujica. O vídeo íntegro da sesión pódese ver nesta ligazón.
Persoal de Alcoa e cidadanía concéntranse ante a Delegación do Goberno na Coruña contra o peche da planta que a multinacional ten na cidade. Os traballadores cortaron o tráfico e clamaron contra as intencións da multinacional. A firma rexeita a arbitraxe reclamada polo comité que incluía a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. Foto:@BNGACorunha
Dimite unha concelleira do PP de Viveiro "decepcionada tanto coa xestión do PP provincial de Lugo, como coa da Xunta" tras os asolagamentos na vila. María Jesús Vale -na imaxe, ante a conselleira de Infraestruturas na zona afectada polas inundacións- foi a número 4 da lista do PP viveirense nas municipais de 2015, cando os populares obtiveron 5 edís. Cóntao El Progreso
Comeza a terceira semana de folga do persoal das Urxencias do Clínico de Santiago. A escaseza de persoal e a reclamación de máis medios para atender os doentes son as principais reivindicacións da protesta, na que a Xunta decretou servizos mínimos do 100%.