Conde Roa: "Afirmo rotundamente que non defraudei o fisco, non cometín delito fiscal" e engade "a débeda existe, está asinada tras unha inspección de 10 meses. Outra cousa é que haxa fraude". O alcalde de Santiago afirma que quere "coller o touro polos cornos", sen entrar en "aspectos procesuais", pois aínda que recibiu esta mañá a notificación da querela, di que non a puido ler por ter que estar na festa da Pascua en Padrón.
Fálase
O Goberno anuncia un recorte de 10.000 millóns en sanidade e educación. A medida, malia a súa importancia, foi comunicada unicamente a través dunha nota de prensa. O texto fala de próximas privatizacións, de "maior racionalización, eliminación de duplicidades e eficiencia na xestión dos grandes servizos públicos que se porán en marcha neste mes" e de cambios en educación e sanidade, de onde sairía a parte máis importante do recorte.
Dez cámaras de televisión e uns vinte xornalistas ateigan a sala de prensa do Concello de Santiago para cubrir a rolda de prensa de Gerardo Conde Roa, na que o alcalde da cidade ofrecerá explicacións sobre a fraude de 300 mil euros da que se lle acusa.
O xornalista uruguaio Raúl Zibechi afirma que "o sistema creado en Bretton Woods hai sete décadas está a piques de colapsar. Non se trata dun afundimento abrupto, senón da lenta erosión da súa lexitimidade e da capacidade para dirixir os asuntos globais. No seu lugar vén pugnando por nacer unha nova orde cuxos alicerces comezou a construír o IV Cumio dos BRICS en Nova Delhi".
Grecia alugará os servizos da súa Policía. Un axente custará 30 euros á hora e un coche patrulla, 10 euros. Cóntao a Cadena SER.
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública asegura que Luis de Guindos, "propón unha formula ao Lethman Brothers que cambiaría o modelo sanitario cara ao norteamericano". O colectivo aclara nunha nota de prensa o seu rexeitamento á idea do ministro de Economía de cobrar os servizos sanitarios ás persoas con rendas máis altas.
Diego Quintela e Rodrigo Añón veñen de elaborar o vídeo As chamas do Eume, sobre o incendio que sufriu este espazo natural a pasada semana. Na montaxe recóllense imaxes do parque natural e testemuños da veciñanza, que segura que o desastre se puido ter evitado.
O PP desmente ao ministro Luis de Guindos e asegura que traballa por unha sanidade "sostible, universal e gratuíta no tempo". O vicesecretario xeral de Organización dos populares, Carlos Floriano, cualificou de "reflexión persoal" as palabras do ministro de Economía, nas que falaba dun posible pago por servizos sanitarios.
A Plataforma Cidadá en Defensa da Radiotelevisión Pública Galega celebrará este martes unha xuntanza na que debaterá a posibilidade de realizar unha marcha o sábado 14 de abril "en contra da manipulación e a represión na CRTVG".
Poucas horas antes da rolda de prensa na que explicará a súa presunta fraude fiscal, o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, viaxou ata Padrón para participar nos actos das festas da Pascua. Fíxoo acompañado do resto do equipo de goberno nun autobús de época.