O Colexio Oficial de Psicoloxía detectou 31 casos de intrusismo en Galicia en 2017. Entre as situacións investigadas están a de exercer sen contar coa titulación, publicidade enganosa, ou anunciarse como especialista sen contar coa debida formación
Fálase
O Goberno impón un límite do 50% do gasto aos ministerios ata que haxa orzamentos. Os gastos adicionais terán que contar co visto bo do Ministerio de Facenda
A Audiencia Nacional cita a Villar-Mir para tomarlle as pegadas por un documento ligado á trama corrupta Lezo, na que está investigado. Está a contalo eldiario.es
A Audiencia de Pontevedra ratifica a condena de Raúl Francés, alcalde do Porriño polo BNG entre 2003 e 2010, por un delito continuado de prevaricación. Francés foi inhabilitado oito anos e medio por contratar a tres asesores de xeito irregular malia os reparos postos polo secretario municipal.
A ex-ministra Elena Salgado defende que a reforma do artigo 135 da Constitución fíxose para salvar os servizos públicos e evitar o rescate do país. “En parte o logramos e en parte non”, di a socialista na súa comparecencia na comisión de investigación do Congreso sobre o rescate financeiro.
A Fiscalía investigará as responsabilidades civís polo colapso da AP-6 e Feijóo di que a responsabilidade do mantemento da autoestrada é “exclusiva” da concesionaria, como na AP-9 galega, “nin da Xunta nin de Fomento”.
Hai hoxe sete anos os daquela Príncipes de Asturias inauguraron os dous primeiros edificios da Cidade da Cultura. A última decisión sobre o polémico e inacabado complexo ideado en 1999 por Fraga é a de converter en auditorio ao aire libre o burato que deixou o Teatro que non se fará.
Feijóo anuncia a figura do Comisionado para o Xacobeo 2021, que ocupará o cargo agora vacante de conselleiro-delegado da sociedade pública que o xestiona. Será elixido a dedo e estará por riba do director xerente actual, cuxo soldo anual é de 46.900 euros e que segundo Feijóo “xestiona o día a día” pero non pode asumir un evento como o de 2021.
Un tren Alvia con 473 pasaxeiros que circulaba remolcado por outro entre Ferrol e Madrid desengánchase preto de Segovia. A dobre composición (dous trens enganchados) é habitual en datas con alta demanda, como foi o 7 de xaneiro en que ocorreu o incidente, relatado por La Voz, no que o sistema de seguridade detivo os dous Talgo de xeito automático.
A Xunta sanciona a OHL con 41.000 euros por unha infracción moi grave da prevención de riscos laborais. Segundo o anuncio publicado no DOG, a Emprego considera á construtora de Villar Mir responsable de pactar cunha subcontrata para eludir as súas propias responsabilidades nesa materia.