EPA | O paro descendeu en Galicia en 22.000 persoas no terceiro trimestre do ano, unha baixada de 28.700 a respecto do ano anterior que deixa a cifra total en 153.000. No mesmo período o emprego incrementouse en 20.700 persoas no país, 24.000 máis que un ano antes. Toda a información, hoxe en Praza.gal.
Fálase
Casado sentencia que Pedro Sánchez é "responsable dun golpe de Estado" que, segundo o líder do PP, "se está a perpetrar en España". Afirmouno durante o debate sobre o último Consello Europeo e mais a venda de armas a Arabia Saudita, no que Sánchez considerou que cómpre manter os contratos de corbetas militares para ese país para "defender os intereses de España". (Imaxes: Congreso dos Deputados)
A Audiencia Nacional confirma a apertura de xuízo a Gayoso e outros tres ex-directivos de Caixanova por unha operación inmobiliaria de 40 millóns en Madrid. O xuíz imponlles unha fianza de responsabilidade civil de 68,3 millóns no proceso, no que acusan a Fiscalía, a Avogacía do Estado e Abanca.
Fariña, da galega Bambú Producciones, triunfa nos premios Iris da Academia de Televisión. Velaquí o palmarés dos galardóns.
O Resurrection Fest anuncia o grupo Slipknot como cabeza de cartel en 2019. Faino dous días despois de retirar o grupo dun condenado por tentar matar a súa muller.
O presidente de Turquía dá por probado o asasinato do xornalista Jamal Khasoggi no consulado de Arabia Saudita en Istambul e pide xulgar os asasinos en tribunais turcos.
O Parlamento designa a Martín Fernández (PP), Antón Sánchez (En Marea) e Luis Álvarez (PSdeG) para defender o traspaso da AP-9 no Congreso. O BNG ausentouse da votación ao lamentar ser "excluído" desta delegación, que ten que ter tres membros, nunha proposta "escrita desde a primeira até a última liña" pola formación nacionalista, subliña Ana Pontón. A lei foi aprobada dúas veces por unanimidade na Cámara galega e o Goberno de Rajoy vetáraa.
O Sindicato Independiente de Trabajadores revalida a maioría nas eleccións sindicais de Citroën con 20 delegados. A CUT ascende a segunda forza na factoría viguesa ao pasar de 2 a 4 representantes, UGT queda en 4 e CC.OO e CIG mantéñense en 3 e 2, respectivamente, segundo confirman os sindicatos.
Adif adxudica a redacción dos proxectos para suprimir 36 pasos a nivel entre Ourense e Lugo, que tardarán 10 meses en elaborarse antes de que poidan encargarse as obras. A supresión de cruzamentos é unha das actuacións de mellora do tren actual comprometidas por Fomento unha vez descartada a liña de AVE.
O polbo de piscifactoría, máis próximo tras probas científicas cun éxito de ata o 90%. Cóntao GCiencia