O Entroido volve ás rúas, aínda con restricións pero con todas as ganas de deixar atrás os sacrificios da pandemia

Dous cigarróns en Verín CC-BY-SA Óscar

Este ano o Entroido volve ás rúas, aínda sen unha completa normalidade pero con todas as ganas de pasalo ben e esquecer os sacrificios dos últimos 24 meses

O Entroido xa está aquí, dous anos despois da derradeira celebración en normalidade. Foi a finais de febreiro do ano 2020, cando xa se comezaban a escoitar novas cada vez máis preocupantes dun virus en China, pouco antes polo tanto de que a pandemia nos golpease por completo. O pasado ano a festa tivo que facerse "na casiña", con folións virtuais, concursos de disfraces pola rede e outros sucedáneos para manter o espírito entroideiro. Este ano o Entroido volve ás rúas, aínda sen unha completa normalidade pero con todas as ganas de pasalo ben e esquecer os sacrificios dos últimos 24 meses. 

Verín, Xinzo, Laza, Ourense... volverán ser as capitais do Entroido galego e xa están quencendo motores de cara aos días grandes das festas. Nalgúns casos fano con vídeos que explican as características locais da celebración, como os publicados polo Concello de Xinzo, dedicado ao Domingo fareleiro, ao oleiro ou ao corredoiro, publicado aínda esta semana, todos eles realizados por Meteórica Cine.

Xinzo e Verín publicaron vídeos sobre as súas celebracións, convidando a todos os visitantes a achegarse a estas dúas capitais do Entroido

Tamén o Concello de Verín se decidiu a publicar un vídeo no que anima aos seus habitantes e a visitantes a pasar pola vila nestes días, baixo o lema "O Entroido es ti". "Outro ano pensando no mesmo. Xa van dous anos dende que comezou a pandemia e todo o rato preguntándonos: 'cando pasará? acabará dunha vez ou teremos que aprender a convivir con isto?'", comeza preguntándose o spot.

Xinzo e Verín adoitan competir por ser a capital do Entroido tradicional en Galicia. Con todo, Ourense como capital provincial é a cidade galega na que esta festa move máis xente. Tanto, que dende o Concello o seu alcalde Gonzalo Pérez Jácome decidiu proclamar o de Ourense como "el mejor carnaval de España en 2022", superando aos de Tenerife e Cádiz.

Lugo celebrou este martes o Folión de Entroido, organizado por Tradescola

Tamén noutras cidades galegas o entroido conta cunha gran tradición, comezando pola Coruña (especialmente no barrio de Monte Alto) e seguindo polas demais. Entre elas Lugo, onde este martes se celebrou o Folión de Entroido, organizado pola Tradescola en colaboración coa área de Cultura do Concello, e que da comezo ás distintas actividades do Entroido 2022. A programación inclúe 15 actividades para distintos públicos, con animación musical e teatral na rúa.

No triángulo máxico de Verín, Xinzo e Laza moitos dos actos tradicionais foron novamente suspendidos, pero a xente celebrará a festa igualmente

É imposible abranguer todas as celebracións do Entroido en Galicia, que é festivo local en case 200 concellos de todo o país, especialmente o martes, pero tamén o luns ou o mércores nalgúns lugares. Así, facemos unha proposta de axenda con algunhas de citas máis importantes para os vindeiros días. No triángulo máxico de Verín, Xinzo e Laza moitos dos actos tradicionais foron novamente suspendidos, pero a xente celebrará a festa igualmente.

 

Venres 25

O venres é día de quencer motores, preparándose para unha longa semana de entroido. Que mellor que facelo en Verín no Venres de Compadreo, con varias actuacións musicais, coma a dos Festicultores Troupe.

En Ourense haberá festa ao longo de todo o día, con desfiles escolares pola mañá e charangas e concertos pola tarde e pola noite, con concerto de Festicultores á medianoite na Praza Maior. Ademais, ás oito da tarde haberá un desfile de nove entroidos tradicionais, dende os felos de Maceda ata os galos da Mezquita.

Sábado 26

O sábado hai festa en boa parte de Galicia, pero destaca en Laza o chamado Sábado de Cabritadas, cunha Gran Fariñada na que este ano será a veciñanza quen leve a fariña das súas casas, pois a comisión non organiza a cita. En Verín é o día no que se leva a cabo o "bautizo do cigarrón" pois moitos pequenos estrean o seu traxe por primeira vez.

 

Domingo 27

O domingo en Laza saen os peliqueiros pola Praza da Picota, cos seus traxes, máscaras e chocas. En Verín é o día grande, con desfiles de cigarróns e unha ducia de actuacións musicais programadas a partir das 11 e media da mañá e ata ben entrada a noite. En Ourense haberá pola tarde desfile de carrozas e comparsas.

En Viana do Bolo o Domingo Gordo é tamén o seu día grande, aínda que este ano se celebrará en formatos máis reducidos. A partir das 12 do mediodía desfilarán os boteiros (a máscara tradicional de Viana) e os fulións e, ademais, celebrarase a Festa da Androlla.

Luns 28

O luns é o día grande en Laza, o Luns Borralleiro, no que se pode asistir pola mañá á Farrapada e, xa pola tarde, á Baixada da Morera. Este ano, en cambio, non sairá o Oso de Salcedo (A Pobra do Brollón)

 

Martes 1

O martes é o día grande en Manzaneda, co Desfile de Fulións, que remata cun xantar popular. En cidades como Compostela non se celebrará o tradicional desfile polas rúas pero na Coruña si que haberá a habitual festa choqueira na rúa da Torre, en Monte Alto, con concertos neste lugar e mais no Campo da Leña. En Cobres (Vilaboa) veranse polas rúas as Madamas e Galáns e a tamén a tradicional Corrida do Galo

Mércores 2

O mércores é o día do Enterro da Sardiña en moitas localidades. Destacan as celebracións que se levan a cabo na cidade de Ourense ou en Xinzo, que suspendeu boa parte da súa programación habitual.

 

Sábado 5

En moitos lugares o entroido remata o mércores, pero non en Pontevedra, onde o sábado se levará a cabo a queima do loro Ravachol, o famoso papagaio finado en 1913. Unha celebración recuperada en 1985 e que cada ano gaña máis sona.

Domingo 6

O Domingo de Piñata é un dos mellores momentos para ver os Xenerais da Ulla no Gran Desfile de Lestedo (Boqueixón), aínda que xa foron desfilando nos días previos por outras localidades de Compostela, Teo, Silleda, Vila de Cruces, Vedra, A Estrada ou Touro. Este ano, iso si, unha boa parte dos desfiles foron cancelados pola COVID.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.