Dez días para celebrar o Apóstolo cos concertos de Rocío Márquez e Bronquio, Xisco Feijóo, Grande Amore, Rufus T. Firefly, New York Ska-Jazz Ensemble, Herdeiros da Crus ou a Banda Municipal de Música de Santiago con convidados ilustres
Do 21 ao 31 de xullo Santiago celebra as Festas do Apóstolo no segundo ano Xacobeo consecutivo e xa coa normalidade recuperada despois dos momentos excepcionais vividos coa pandemia da COVID-19. Cine ao aire libre, música tradicional, circo e espectáculos de cabezudos, á parte dos tradicionais espectáculos pirotécnicos, completan un programa de festexos que volven "con forza" –segundo o Concello– "tras dous anos descafeinados".
"Recuperamos por fin unha programación completa e de gran variedade tras os dous anos de restricións por mor da pandemia", trasladou o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, quen comunicou que será o actor compostelán Tamar Novas o encargado de ler o pregón este ano. Del salientou que é "picheleiro de nacemento e de corazón", por iso subirá ao balcón do Pazo de Raxoi o próximo xoves, día 21, para poder abrir as celebracións.
Tamar Novas, "picheleiro de nacemento e de corazón", está a cargo do pregón
Gonzalo Muíños sinalou que serán "dez días de concertos, cine ao aire libre, circo, danza, espectáculos para os máis pequenos e os xa clásicos cabezudos. Xornadas de folclore, torneo da chave, o día do Traxe Galego, etc.”. O Apóstolo contará coas actuacións de Rocío Márquez e Bronquio, Sheila Patricia, Xisco Feijóo, Rufus T. Firefly, Grande Amore, New York Ska-Jazz Ensemble, Herdeiros da Crus, Yoly Saa, Bala, Jenny and the Mexicats, Garufa Big Band e La Chiva Cantiva, entre outros, nos escenarios habituais da praza da Quintana e do Obradoiro, aos que se suman o parque de Galeras (onde xa se programaron concertos con cadeiras o ano pasado), a praza de Mazarelos e o parque de Bonaval.
Desde o Concello de Santiago fan fincapé en que "a música máis tradicional tamén terá un enorme protagonismo" nestas festas, con citas musicais variadas e a celebración do Trad Fest. A programación inclúe iniciativas como o XLVI Concurso de Pesca Deportiva co gallo da Festa do ESCALO, o Dron Festival GP Series 2022, a XXXIII concentración de automóviles antigos ou o concurso de traxes de época.
O cine ao aire libre terá lugar no parque Eugenio Granell entre o martes 26 e o domingo 31, cunha sesión dobre diaria. Entre as citas musicais destacadas está a actuación da Banda Municipal de Música de Santiago con Paco Lodeiro, Rosa Cedrón e Miguel Ladrón de Guevara, o espectáculo de danza e música electrónica de Paula Quintas e Nacho Igmig, ou os concertos no parque de Galeras de Maren, Santi Araújo, Grande Amore, Sexy Zebras ou Rufus T. Firefly.
Os fogos do Apóstolo lanzaranse desde a Alameda, a Cidade da Cultura, o parque Eugenio Granell e o de Carlomagno e As Cancelas
"Por suposto, desfrutaremos dos fogos do Apóstolo o 24 e tamén o día 31", avanzou Muíños. Para os tradicionais fogos do Apóstolo, na noite do 24 de xullo, precisarán máis de 4.000 quilos de pólvora. Volverán lanzarse de maneira simultánea desde diferentes puntos de Compostela: a Cidade da Cultura, o parque Eugenio Granell, a Alameda, o parque de Carlomagno (en Fontiñas) e As Cancelas. Xa a noite do domingo 31 os fogos sairán só da Cidade da Cultura.
O acceso a todas as actividades será de balde. Ademais, o concelleiro de Festas lembrou que "grandes e pequenos poderán gozar das atraccións na Alameda desde o sábado 16 ata o domingo 31 de xullo". O programa completo das Festas do Apóstolo pódese consultar aquí. Haberá Puntos Lila na Alameda das 20.00 horas á unha da madrugada e no parque de Galeras de 20.00 a 23.00 horas.