Un agosto de música en María Pita: Mercedes Peón, Fillas de Cassandra, The Rapants ou Luz Casal

A alcaldesa, Inés Rey, con Mercedes Peón e Correa Corredoira © Concello da Coruña

Á programación de concertos das Festas de María Pita súmanse outras citas, coma o Festival Noroeste Estrella Galicia, o Certame de Habaneras, o Festival Internacional de Folclore, o festival Manicómicos, a Romaría de Santa Margarida ou a programación do Viñetas desde o Atlántico

Agosto é o gran mes festeiro na Coruña. Á programación específica de concertos e outras actividades das Festas de María Pita súmanse outras citas, coma o Festival Noroeste Estrella Galicia, o Certame de Habaneras, o Festival Internacional de Folclore, o festival Manicómicos, a Romaría de Santa Margarida ou a programación do Viñetas desde o Atlántico, presentada hai uns días

A música é a gran protagonista dunha programación, presentada este luns na Casa do Concello, con nomes destacados coma os de Luz Casal, Mercedes Peón, Ginebras, Israel Fernández, Fillas de Cassandra e The Rapants. En realidade, a programación arrincará xa a mediados de xullo co Festival Manicómicos e estenderase ata finais de agosto, combinando música en directo, cultura popular, artes escénicas e propostas familiares en distintos barrios da cidade.

Cartel da edición 2026 das Festas de María Pita, obra de Correa Corredoira © Concello da Coruña

A programación arrincará xa a mediados de xullo co Festival Manicómicos e estenderase ata finais de agosto, combinando música en directo, cultura popular, artes escénicas e propostas familiares en distintos barrios da cidade

A actriz Lucía Veiga será a encargada de ler o pregón das festas, o vindeiro 1 de agosto. Ademais das súas interpretacións, coas que obtivo recoñecementos como a nominacións aos Premios Goya, dende o pasado ano preside a Academia Galega do Audiovisual. Veiga, veciña do barrio dos Mallos, non puido asistir á presentación pero deixou un vídeo sinalando a importancia que ten para ela abrir os festexos da súa cidade.

Esta mañá presentouse tamén o cartel das festas, unha creación do artista coruñés Correa Corredoira, "un creador cunha traxectoria sólida e unha linguaxe propia, que sitúa a súa obra entre a tradición e a modernidade, e que nos entrega unha peza única, con personalidade e forza, á altura do que representan estas festas”, destacou Inés Rey.

A actriz Lucía Veiga será a encargada de ler o pregón das festas, o vindeiro 1 de agosto

A praza de María Pita volverá ser o gran escenario das festas, coa celebración das Noites de María Pita, que contarán cun cartel variado e con artistas de primeiro nivel. O ciclo abrirase o 1 de agosto con Luz Casal, tras o pregón de Lucía Veiga, e contará tamén coas actuacións de Mercedes Peón (2 de agosto), La Delio Valdez (3 de agosto) e o macroevento Los40 Summer Live (4 de agosto), con artistas como DePol, Enol ou Chema Rivas. 

Tras o paréntese do Noroeste, o programa musical continuará con Ginebras (9 de agosto), o espectáculo familiar ‘O Libro da Selva’ (10 de agosto), The Rapants (11 de agosto), a actuación da orquestra Los Satélites coincidindo coa eclipse (12 de agosto) e o concerto de Fillas de Cassandra (13 de agosto). Pechará o ciclo Israel Fernández o 15 de agosto. Ademais, o Teatro Colón acollerá o 9 de agosto o espectáculo “As Time Goes By”, homenaxe a Frank Sinatra a cargo de Borja Quiza.

Fillas de Cassandra presentan o seu novo disco, 'Tertúlia', na exposición da Fundación Granell © AIGI BOGA

A praza de María Pita volverá ser o gran escenario das festas, coa celebración das Noites de María Pita, que contarán cun cartel variado e con artistas de primeiro nivel

Xunto ás Noites de María Pita, o programa volve incorporar grandes citas xa consolidadas. O Festival Noroeste Estrella Galicia celebrará unha nova edición do 5 ao 8 de agosto, acompañado do Noroestiño entre o 6 e o 9, reforzando o papel da cidade como referente musical estatal. Entre o 5 e o 9 de agosto terá lugar tamén o Certame de Habaneras, que levará a música coral ao Teatro Colón e á praza de María Pita. Outro dos momentos máis esperados será a Batalla Naval, o 14 de agosto, unha das citas máis multitudinarias das festas.

Esta mañá presentouse tamén o cartel das festas, unha creación do artista coruñés Correa Corredoira

A Semana Clásica volverá a ser outro dos eixos centrais dos festexos, do 18 ao 23 de agosto na praza de María Pita. As principais formacións musicais da cidade integran o programa, con actuacións pensadas especialmente para esta data e colaboracións especiais. Actuarán Orquestra Gaos (18 de agosto), Orquestra de Cámara Galega (19 de agosto), Xove Orquestra Sinfónica de Galicia (21 de agosto), Orquestra Sinfónica de Galicia (22 de agosto) e Banda Municipal de Música da Coruña (23 de agosto). 

Concerto de The Rapants no Revenidas 2024 © Christian Pérez / Revenidas

O Festival Internacional de Folclore desenvolverase entre o 12 e o 16 de agosto no Campo da Leña e María Pita, mentres que o público familiar poderá gozar do ciclo Cascarillarte, con programación nos barrios do 10 ao 28 de agosto. O programa complétase cunha ampla oferta musical e cultural, como Lembranza Rock e o Festival de Electrónica Coruñés (14 e 15 de agosto). Na recta final, Santa Margarida volverá ser escenario destacado co festival BeatOut (20 a 22 de agosto), o ciclo As Noites do Parque, con Judeline e Valeria Castro (26 e 27 de agosto), e coa tradicional Romaría de Santa Margarida, do 28 ao 30 de agosto, que porá o broche final ás festas.  

Concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia na Praza de María Pita, nunha imaxe de arquivo © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.