A Coruña ensaia a reserva de espazos para fogueiras de San Xoán na praia

A alcaldesa da Coruña, presentando a programación do San Xoán 2026 co autor do cartel, o cineasta Alberto Vázquez, e o creador de contido 'Champi Muros' © Concello da Coruña

O Concello coruñés lanza "unha proba piloto" con parcelas en Riazor ás que poderán optar "entidades e asociacións" da cidade, que virarán tamén en "responsables da limpeza" do lugar asignado

A posta de marcos polas bravas nas praias de Riazor e do Orzán en vésperas de San Xoán virou nos últimos anos nunha práctica tan común como controvertida. Unha división en parcelas de facto por parte de mozos e mozas para pasar a noite máis festeira do ano que, admite o Concello, "moitas veces xera conflitos".

Para "buscar unha solución" a esta práctica e, ao tempo, unha nova vía para tentar frear a acumulación de refugallos nos areais nesa noite, o goberno local disponse a probar un novo sistema. "Unha proba piloto de reserva de espazos para fogueiras" na praia de Riazor. Concretamente, "no treito de area entre as Escravas e o Playa Club", concreta a alcaldesa, Inés Rey.

Celebración dod San Xoán nas praias coruñesas de Riazor e do Orzán en 2025 © Concello da Coruña

Nesa área será o propio consistorio quen divida a praia en parcelas e "entidades e asociacións que o desexen poderán solicitar o espazo", sendo tamén "responsables da súa limpeza e coidado e tendo que deixalo recollido ao abandona ra praia". "En función do resultado -sinala a rexedora- estudarase a ampliación en próximos anos a outras partes dos areais".

Unha gran sardiña deseñada polo cineasta Alberto Vázquez pon a imaxe neste 2026 á festa, que volve estar acompañada dunha semana de programación cultural coa 'Ruada das Xoubas'

Esta proba é unha das novidades da programación do San Xoán coruñés deste 2026, presentado por Rey este xoves canda o autor do cartel anunciador da festa, o cineasta Alberto Vázquez. A protagonista do deseño é unha "gran sardiña" que "converte a festa en algo ancestral, algo antigo que esperta na cidade", o cal "enlaza ben co San Xoán como rito de purificación, superstición e cambio de estación".

Tamén participou no acto o creador de contido Champi Muros (Santiago Caamaño), que canda Blondiemuser (Paula Vilaboy) se encargarán de concienciar a cidadanía mediante vídeos nas redes "para promover un comportamento cívico durante a festa". Os seus contidos, indica a alcaldesa, serán parte dunha "intensa campaña de concienciación para reducir os refugallos nas praias e nas rúas".

Reparto de madeira na praia, no San Xoán coruñés de 2023 © Concello da Coruña

Canda estas novidades, o Concello repetirá as habituais reparticións de madeira limpa para queimar (120 toneladas en 14 puntos das praias). E volveranse instalar puntos violeta no Paseo Marítimo para "contribuír a evitar a violencia sexual nunha celebración masiva".

Alén da propia noite, a programación do San Xoán volve ter anexa unha programación cultural, cunha semana de Ruada das Xoubas. Trátase de espectáculos gratuítos de teatro, música, danza, maxia e narración oral con vocación familiar polos diferentes barrios da cidade. A programación completa está xa publicada no web municipal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.