A Xunta rectifica e eleva a 49 mil hectáreas a superficie arrasada pola vaga de lumes

Efectos dun incendio que afectou a Vilar de Barrio e Montederramo Dominio Público Brif Laza

Os incendios que Galicia sufriu nas dúas primeiras semanas de outubro queimaron un total de 49.171 hectáreas de terreo. A medición definitiva fíxoa pública a Xunta a través dunha nota de prensa na tarde deste venres, catro días antes de que o presidente Feijóo compareza no Parlamento para dar conta da súa xestión, e é un 40% superior ás 35.500 hectáreas estimadas inicialmente, cifra feita pública o pasado 18 de outubro. As hectáreas de monte arborado arrasadas ascenden a 26.098 mentres que 23.073 son de monte raso. Por provincias, a máis afectada foi Ourense con 22.623 hectáreas, seguida de Pontevedra con 20.085, Lugo con 5.734 e A Coruña con 728 hectáreas.

A superficie danada en Rede Natura, un total de 11.376,69 hectáreas, representa o 23,14% do total ardido

A Xunta tamén comunicou que a superficie danada en Rede Natura, un total de 11.376,69 hectáreas, representa o 23,14% do total ardido nos días que durou a vaga de lumes. Ourense (con 6.769,39 hectáreas) e Lugo (con 4.523 hectáreas) foron as provincias que sufriron unha maior afectación en zonas protexidas. O Goberno galego destaca que neses días os equipos de extinción tiveron que facer fronte a 264 incendios. Hai que ter en conta que Medio Rural mantén dende 2009 o criterio de non informar a poboación nin a prensa dos incendios inferiores a 20 hectáreas nos seus informes diarios.

As máis 49 mil has. queimadas na segunda semana de outubro súmanse ás 12.600 que arderan dende o 1 de xaneiro, o que eleva a 61.698 has. a superficie total arrasada no que levamos de ano

As 49 mil hectáreas queimadas na segunda semana de outubro súmanse ás 12.600 que arderan dende o 1 de xaneiro, o que eleva a 61.698 hectáreas a superficie total arrasada no que levamos de ano. 2017 confírmase como o peor ano para o monte galego dende o ano 2006 (95.880 hectáreas queimadas nos dez primeiros meses). A vaga de lumes que ese ano sufrira Galicia no verán, cunha duración de dúas semanas, arrasara ao redor de 70 mil hectáreas.  

O 53% do queimado foi superficie arborada e hai que remontarse aos datos de 2006 para atopar unha proporción similar

Así pois, a medición definitiva realizada polo Goberno galego significa que os incendios que queimaron Galicia neses días arrasaron unha extensión que non queda lonxe da suma de todo o ardido en 2013, 2014, 2015 e 2016, unhas 55 mil hectáreas. Chama a atención, especialmente, o elevado número de hectáreas de arborado queimadas nos días que durou a vaga de lumes, que representan o 53,08% de todo o ardido. Durante todo o pasado ano 2016, por exemplo, a superficie arborada queimada representou o 42% do total e no 2015 foi o 38%. Hai que remontarse aos datos de 2006 para atopar unha proporción de superficie arborada tan importante (57%).

 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.