A Coruña mira a Valencia e Bilbao como exemplo de recuperación dos terreos portuarios para a cidadanía

Vicent Llorens, Xiao Varela e Ángel Nieva participaron no debate organizado por Radio Coruña-Cadena Ser © Concello da Coruña

A Coruña iniciará nos vindeiros anos, cando se complete o traslado das instalacións portuarias a Punta Langosteira, un proceso de transformación da súa fachada marítima polo que xa pasaron numerosas cidades en todo o mundo. Bilbao e Valencia son dous exemplos próximos, exemplos ademais nos que a meirande parte destes privilexiados espazos foron convertidos en espazo público e recuperados para usos públicos. Os responsables de Bilbao Ría 2000 -Ángel Nieva- e da Marina de València -Vicent Llorens-, as entidades públicas que xestionan nestas dúas urbes a transformación dos antigos terreos portuarios, amosaron este mércores as claves de ambos os dous procesos no debate convocado por Foro Radio Coruña-Cadena Ser, no que tamén interveu o concelleiro Xiao Varela para detallar a proposta co Concello, anunciando que o Goberno local proporá a creación dun consorcio coa participación de todas as administracións implicadas. 

Cada cidade é diferente, tanto na súa estrutura comas nas súas necesidades e potencialidades, pero os tres casos comparten moitos puntos, comezando polo carácter público dos terreos desafectados e as oportunidades que se abren para a través deles dar resposta ás demandas da poboación. A necesidade de acadar un consenso entre todas as administracións implicadas no proceso e entre todos os actores da cidade, a participación da cidadanía e a obriga de integrar os novos espazos coa cidade preexistente apareceron como puntos comúns aos tres casos. O debate, moderado por Consuelo Bautista, foi presentado polo ex-presidente da Xunta Fernando González Laxe, que fixo fincapé nas oportunidades que xeran os espazos portuarios e tamén nos incumprimentos e irregularidades da Autoridade Portuaria sinalados polo recente informe do Tribunal de Contas.

"En Bilbao todas as institucións buscaron un punto de encontro"

Ángel Nieva foi quen máis incidiu nas vantaxes de que o proceso se leve a cabo a través do consenso de todas os actores implicados. "En Bilbao todas as institucións buscaron un punto de encontro. Había unha vontade de poñernos de acordo, unha idea de partenariado: gaño eu, gañas ti, gañamos todos. Hai que ter na cabeza que estamos aquí representando a cidadanía e que debemos traballar con altura de miras e xenerosidade", dixo. Nieva detallou a rápida transformación dos antigos espazos portuarios e industriais das marxes do Nervión xestionados dende 1992 por Bilbao Ría 2000, unha empresa pública constituída por todas as administracións implicadas -Estado Central, Goberno vasco, Goberno foral e concellos- e outros socios públicos -Adif, Autoridade Portuaria-. 

Destacou que neste proceso, do que o Museo Guggenheim é o seu símbolo máis coñecido, "sempre houbo un plan estratéxico". "A idea xa estaba, había que concretar os proxectos. Que era o que se quería? Facer cidade: usos mixtos, cun espazo público moi importante e de moita calidade, equipamentos culturais e doutro tipo", explicou. O resultado foi, por exemplo, a creación de 40 novas hectáreas de zonas verdes (20 só no Concello de Bilbao). E, ademais, a creación dunha nova imaxe para a cidade, que fixo que se convertese nun destino turístico de primeiro nivel, cando nos anos 80 apenas recibía visitantes.

No caso de Valencia o entendemento entre administración permitiu que a Autoridade Portuaria devolvese, de xeito gratuíto, todos os terreos do Port Vell

Pola súa banda, Vicent Llorens destacou tamén os efectos positivos do entendemento entre as distintas administracións, sinalando que "a apropiación partidista ten moi pouco percorrido e non serve para nada". "Reivindico a arte da política, porque a política é boa, porque a política é entendemento, é xeración de complicidades", dixo. Un entendemento que no caso de Valencia permitiu, por exemplo, que a Autoridade Portuaria devolvese, de xeito gratuíto, todos os terreos do Port Vell, unha vez que as súas instalacións foron completamente trasladadas. Ese proceso coincidiu primeiro coa celebración da Copa América de Vela e, ademais, de varias edicións do Gran Premio de Fórmula 1, eventos que deixaron unha débeda de 450 millóns de euros, que aínda se arrastran, e que Llorens confía en que sexan asumidos polo Estado central.

Os antigos terreos portuarios son hoxe espazo público no que se busca desenvolver actividades de ocio, actividades relacionadas coa náutica e promover empresas que traballen na innovación e na economía do coñecemento. "É importante que estea unido ao resto da cidade e que a cidadanía se apropie del", salientou. Llorens defendeu a aplicación dunha serie de criterios que veñen guiando procesos deste tipo en todo o mundo. Por exemplo, os 9 pasos para crear unha fachada marítima do Project for Public Spaces, nos que destaca a importancia do espazo público e dos obxectivo públicos e a xeración de múltiples usos, que estean ademais conectados e sexan coherentes co contexto e os activos previos. E tamén os 10 principios para o desenvolvemento sostible de Città d'Acqua, que subliñan que as frontes marítimas son parte da trama urbana existente, que a identidade histórica achega carácter e que os usos mixtos son unha prioridade, demandando participación cidadá e lembrando que as frontes marítimas son sempre un proxecto a longo prazo.

"Os espazos portuarios son dominio público marítimo-terrestre. Cando xa non se usan para aquilo que foron ocupados, o normal é que volvan á cidadanía, sendo desafectados por innecesariedade e regresando de forma gratuíta ao control da cidade"

Llorens afirmou que "os espazos portuarios son espazos de dominio público marítimo-terrestre. Cando xa non se usan para aquilo que foron ocupados, o normal é que volvan á cidadanía, sendo desafectados por innecesariedade e regresando de forma gratuíta ao control da cidade". "Estamos nese momento: xa non hai reinos de taifas, xa non hai administracións opacas, é o momento de que a cidadanía tome aquilo que é seu, ao que ten dereito. Iso como se consegue? Con pedagoxía e con consenso", concluíu.

 

Un consorcio público para a transformación do porto

Na terceira intervención, o concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, Xiao Varela, defendeu o carácter público dos terreos, que deben regresar á cidade unha vez desafectados, e anunciou que o Goberno municipal proporá a creación dun Consorcio con todas as administracións implicadas (Concello, Xunta, Ministerio de Fomento e Adif). Varela apostou tamén por renegociar o convenio de 2004 asinado daquela entre Fomento e o Concello, que prevé a construción máis de catro mil vivendas no peirao de San Diego, con edificios de ata 10 alturas e instalar novas grandes superficies comerciais nos de Calvo Sotelo e Batería, con edificios que ata 9 alturas.

Xiao Varela defendeu o carácter público dos terreos e anunciou que o Goberno municipal proporá a creación dun Consorcio con todas as administracións implicadas

O concelleiro sinalou que ese proxecto, cunha densidade urbanística excesiva e prexuízos para o actual tecido comercial e para a mobilidade, converteríase nunha barreira entre cidade e o mar. Fronte a iso, explicou a proposta defendida polo Concello de primar neses espazos a creación de novas zonas verdes, dando continuidade aos Xardíns de Méndez Núñez, de impulsar o sector pesqueiro e a lonxa, de xerar iniciativas económicas baseadas no mar e na "economía azul" e de recuperar a vella estación de San Diego para impulsar o tren de proximidade na futura Área Metropolitana da Coruña.

 

Trala celebración da Copa América, a cidade de Valencia recuperou o seu Port Vell © Marina de València
As tres intervencións, seguidas dun coloquio, serviron para reflexionar sobre o proceso que vivirá A Coruña © Concello da Coruña
Nas últimas dúas décadas, a cidade de Bilbao recuperou milleiros de metros cadrados de espazo público © Bilbao Ría 2000
Vista aérea do porto da Coruña © Porto da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.